Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
O Deza arde en festas


Galicia aaarde en feesstas!, velaí unha frase xa mítica -cando menos para min- de Luís Rial, o orondo e rimbombante locutor da Radio Galega. Por certo, non sei se sabes que este profesional das ondas foi distinguido no ano 2004 cunha Medalla de Galicia, un galardón co que o presidente da Xunta recoñecía formalmente os máis de corenta anos de labor radiofónico deste ilustre membro da Fundación O Grelo.
Ben, a mentada frase de Luís Rial, por moi tópica que resulte, non está feita á lixeira, pois de sobra sabemos que o calor estival chega a estes pagos na compaña dunha epidemia de lume e da man dun saturadísimo calendario de festas-enchenta (ai, esa idiosincrasia nosa!). Noutras palabras, o verán deixa na nosa-terriña-noso-lar moito monte calcinado e colesterol a esgalla.
A foto que estás vendo corresponde a un escaparate dunha cristaleira da Vila de Cruces que, polo que se ve, está consagrada a dar testemuña gráfica do catálogo de festas rachadas da bisbarra. Míraa ben e verás que non lle falta de nada: a actuación das Supremas de Móstoles (festas de Silleda); a V Festa da Paella de Cortegada (Silleda), un evento gastronómico que en principio parece bastante alleo á zona do Deza, pero eles saberán; un carteliño, xa case tapado na súa totalidade, no que se reivindica o reggaeton; por último, e tamén xa a piques de ser enterrado por novos pósters, sobrevive aínda un anuncio da VII Forxa Literaria que se desenvolve na Casa Museo A Solaina de Piloño (Vila de Cruces). Non negarás que, aínda que un chisco abigarrada, a composición é potente.
 
Comentario:
La festas de silleda son las mellores que hai. Alí tengo un amigo que se chama Ivan. Pepe tes que ser del Deportivo
No