Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
A viva imaxe da felicidade

Comecei este blog coa única intención de marcarlle unha pauta aos meus "informáticos" de Silleda para que eles foran elaborando o seu. Sen embargo, a medida que vou incorporando novos contidos doume conta de que esta experiencia é máis interesante do que pensaba, tanto polas posibilidades didácticas que lle estou a descubrir como (aquí teño que poñer cara de sorpreeeeesa) porque hai xente que non só consulta o blog senón que se toma a molestia de enviar comentarios.
Esta parrafada é en realidade un pretexto para darlles as grazas ás comentaristas do meu blog. Elas asinan os seus textos cos nomes de Mónica e Marta e espero seguir contando coa súa amable colaboración.
Ben, cambio de tercio. Non me negaredes que a foto que ilustra este artigo é a viva imaxe da felicidade. Ese día, o 6 de abril de 2003, a felicidade pasou por Riazor e deixou estas mostras de amor á bandeira, ás cores e ao equipo. Agora que as cousas non pintan tan ben para o deportivismo é o momento de animar a tan grandes forofos como os que saen na foto. Aínda vou ir un paso máis alá e déixovos un enlace ao blog de Iván, que el mesmo titula, para que non haxa dúbidas, Diario de un deportivista.
Remato con algo de traballo. Estes días empezamos a ver o retoque de imaxes en Photoshop. Para hoxe imos partir da imaxe que tedes na pantalla e facer unhas cantas transformacións (convertir a escala de grises, modificar tamaño, recortar...), catro cousiñas que espero que vos resulten entretidas.
Saúdos.
 
Inxustiza reparada

Levo unha temporadiña cunha foto miña e de miña nai e xa van sendo horas de incorporar a meu pai, o outro responsable de que eu ande por aquí.

Aproveito para animarte a que dixitalices o teu album de fotos. Imaxina que che entran os ratos no caixón no que gardas, como se foran tesouros, esas fotografías que por nada quererías perder... Para previr os efectos de desastres deste tipo só fan falta un escáner e un pouco de paciencia; a cambio vas ter unha copia de seguridade das túas fotos que podes gardar nun CD para pasarllas á familia, imprimilas cando queiras ou, como fixen eu agora, subilas a internet. Paga a pena.

Remato con algo de información técnica. Esta foto que estás a ver foi escaneada no seu momento a alta resolución (400 ppp) a fin de poder utilizala para calquera traballo. Loxicamente, para colocala en internet tiven que reducirlle calidade para que fose manexable, é dicir, que non tarde eternamente en cargarse. Utilicei para iso o Photoshop, todo un clásico do retoque fotográfico. No menú IMAGEN dese programa hai unha opción chamada TAMAÑO DE IMAGEN que permite modificar os valores de ancho, longo e resolución. Despois do proceso de reducción, a imaxe ocupaba 40 veces menos espazo en disco que antes. É importante almacenar a imaxe resultante cun nome diferente do da orixinal, para evitar que a sobreescriba.

Saúdos.