Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Erosión
Entre estas dúas fotos median dous meses. A primeira xa a publiquei neste blo no mes de xuño; na segunda, tomada estes días pasados, aprécianse con claridade os signos da erosión da imaxe de Fraga, e iso que por aquí, a casa dos meus pais, non pasaron Katrina nin o tsunami.
Tampouco quero que se me acuse de partidismo: todos os carteis electorais están sometidos a un proceso de deterioro igual de acelerado e severo, un fenómeno que, máis alá das razóns físicas que o explican, obedece tamén a unha poderosa determinación metafórica. A ver, explíquese vostede. Pois quero dicir que, do mesmo xeito que os carteis nos presentan a un candidato pletórico de look e de entusiasmo no período preelectoral, no momento do baixón post evidencian con que rapidez se vai desinflando toda esa pantalla ata quedar en nada. Tamén é verdade que colocar o cartel nun contedor acelera considerablemente todo este proceso.
 
Aburiño (Teo forever 2)
Amabilidade non nos falta. Tampouco verborrea. Amigo automobilista: le rápido o cartel e non te despistes, que este sinal está xusto antes da ponte sobre o río Ulla, en Pontevea.


 
O prato do Día da Nai (Teo forever)



Conteiche estes días que en Teo acaba de celebrarse o Día da Nai e díxenche que outros anos facían unhas bandexiñas conmemorativas. Pois onde dixen bandexiñas digo pratos, pero non pratos calquera, non: estes levan a sinatura da máxima autoridade municipal.
 
Y qué hay de lo mío?
No Galicia Confidencial publicaron hai uns días un artigo titulado Malestar no PSOE, no que daban conta do cabreo que reina entre as bases e os cadros do partido despois das adxudicacións de conselleiros e altos cargos a persoas alleas á organización. Se che entra o morbo e queres cotillear os currículos dos novos xefazos, nada mellor que facelo na propia web da Xunta. Precisamos: vas á páxina da Xunta, entras na sección Noticias e despois en Consellos. Alí están á túa disposición os textos-resumo dos Consellos da Xunta que se celebran os xoves. Cada nomeamento de alto cargo está sendo acompañado dunha reseña biográfica, o que nos permite enterarnos da vida e milagres do persoal.
Algunhas curiosidades que rescato destas densas lecturas:

-1. Algúns currículos non parecen corresponderse moito co perfil do cargo. Aquí vai, a modo de exemplo, o que nos conta a Xunta da nova delegada provincial de Ourense da Consellaría de Presidencia:
"É ourensá e ten dúas fillas. É mestra e exerceu como profesora de Ciencias Sociais no Primeiro Ciclo da ESO. Actualmente dispón dunha praza definitiva no I.E.S. Aquis Querquernis de Bande (Ourense). Así mesmo, está en disposición das habilitacións para Ciclo Inicial e Medio, Filoloxía en Lingua Galega e Ciencias Sociais.
En 1968 obtivo o seu primeiro nomeamento na escola unitaria de Castro Caldelas (Ourense). Posteriormente, traballou como mestra [bla bla bla]"


2. Así empeza o currículo do Director Xeral de Obras Públicas: "Nacido en Madrid en setembro de 1950, Manuel Morato Miguel está casado."
Máis propio do Hola que da Xunta, ao meu ver. As alusións ao estado civil e á prole están presentes en boa parte das biografías publicadas.

3. Moito e moita profe (de primaria, de secundaria, da uni) nos postos máis inesperados. Hmmm...

4. Rubén Cela, o meu favorito, tanto que cho copio íntegro:
"DIRECTOR XERAL DE XUVENTUDE E SOLIDARIEDADE DA SECRETARÍA XERAL DO BENESTAR
Nacido en Lugo en 1979, Rubén Cela Díaz estuda o último curso da licenciatura de Economía da Universidade de Santiago de Compostela, e ten realizado estudos de especialización en Dereito Tributario.
Participou no movemento estudantil nacionalista, primeiramente, nos Comités Abertos de Estudantes (CAE) e, posteriormente, nos Comités Abertos de Facultade (CAF), formando parte, en diferentes ocasións, dos órganos da Facultade de Economía en representación do alumnado. No ano 2000, Rubén Cela Díaz foi elixido secretario xeral de Galiza Nova, cargo que ocupou ata o 2004.
Tamén é membro fundador, en representación de Galiza Nova, da Free Aliance Europe Youth, organización de ámbito europeo que incorpora organizacións xuvenís de dez estados da Unión Europea.
Así mesmo, Rubén Cela Díaz participou activamente en diferentes debates asemblearios do Consello da Xuventude de Galicia (CXG).
Actualmente é membro do Consello Nacional do Bloque Nacionalista Galego."


5. O momento da caída.
A fórmula que se emprega para cesar a un cargo é un exemplo de frialdade administrativa. Vai ao DOG e poderás comprobalo. Un exemplo: "Que cese José Antonio López Rodríguez como delegado provincial de Pontevedra da Consellería de
Medio Ambiente, agradecéndolle os servizos prestados."
Así, cun simple grazas pronunciado entre dentes, son apartados das súas responsabilidades os que ata hai uns días gobernaban sobre vidas e facendas. Por favor, un requiem polos cesados.

6. Y qué hay de lo mío? A min a ver se me dan o Xacobeo (Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo), que me parece un choio tirando a descansado.
 
NO-DO
1. Politono/altoparlante Armando Blanco. O benquerido alcalde de Teo (Luis Rial dixit), home de natural dionisíaco, ten tamén un corazón que non lle cabe no peito. Para mostra, un botón ou, mellor aínda, unha festa de exaltación e confraternidade: o Día da Nai. Cada ano, e van sete, o Concello planta a carpa diante da capela da miña parroquia (Oza) e monta un fiestón na honra da figura da nai no que non faltan a misa, a música, o discurso e... a manduka (desta volta acertaches). Tamén se entregan premios ás familias máis numerosas e aos matrimonios máis duradeiros (vodas de ouro e tal). Outros anos repartían unhas bandexiñas en plan souvenir que pagaba a pena ver, tanto que se me lembro e teño ocasión poñerei aquí algunha foto para que a goces. Traio todo isto a conto porque onte celebrouse a edición de 2005. Se queres máis, podes ver o artigo da Coz.

2. Sonitono/sonotone feísmo. Déixanme un comentario no blo (mágoa non saber quen foi, pero grazas) no que me apuntan un enderezo que non precisa comentario ningún: http://www.feismo.tk/.

3. Videotono/Paletono Iankilandia. Curioseo o blo de Acedre (mira nos enlaces), no que dá boa conta do seu paso polos EEUU. Cousa da que me entero e que me chista: fai o favor de pinchar na imaxe de Mr Newman, o rei da salsa.

 
Moito ollo!
Estamos rodeados de perigos.
Perigo 1
Perigo 2
Perigo 3
Perigo 4
Perigo 5 (tranki, paga o Concello).
 
Tallaríns
Que se ve nesta foto (non moi clara, por outra parte)? Unha estampa doméstica miña que ten un puntiño (de gracia, de cutrez... Ti dirás). A cousa foi que pola mañá me lembrei da miña maquiniña para facer pasta e púxenme cuns tallaríns. Para ilos secando, extendinos sobre a tapa da lavadora. Iso é todo.
 
Tarde
Hoxe estou dedicándolle a tarde a unha actividade que me é grata: ler algo de poesía. Vou de aquí para alá ata que me deteño nun dos meus clásicos, Avilés de Taramancos. Non podo deixar de copiarche un textiño marabilloso extraído do poemario As Torres do Ar (1989).

Na outra banda do mar constrúen o navío:
o martelar dos calafates resoa na mañá, e non saben
que están a construir a torre de cristal da miña infancia.
Non saben que cada peza, cada caderna maxistral
é unha peza do meu ser. Non saben
que no interior da quilla está a médula mesma
da miña espiña dorsal; que no galipote a quencer
está o perfume máxico da vida.

Que cando no remate ergan a vela, e a enxarcia
tremole vagarosamente no ar
será o meu corazón quen sinta o vento,
será o meu corazón.


Xa postos, deamos unha volta por algúns foros nos que os visitantes se entregan á tarefa de opinar sobre literatura e, de paso, se esfolan uns aos outros con ansia. Mira aquí e verás a que se monta a conta do tema da poesía galega feminina actual. A verdade é que a moitas das poetas que se mencionan no foro non as coñezo máis que de nome, como é o caso, por exemplo, de Lupe Gómez, de quen só lin algo da súa prosa -eu tamén fun neno nun Fisteus de Teo-, e que é a que suscita máis polémica entre os/as internautas. Moito me temo que moitos dos comentaristas que tan axiña afían os seus coitelos teñen as mesmas carencias que este menda. Nada novo, por outra parte.
 
Super-gallegos
Baixei este anuncio desta bitácora. Se sabes a que se refiren con iso de "super-gallegos", xa podes ir deixando algún comentario que nos ilustre...

 
Ciruxías
Veño de revisar o meu correo electrónico e atopei un que me gustou moito: unha invitación para visitar unha páxina dedicada ao mundo da ciruxía plástica dos famosos. Nesta web poderás ver os acertos (parece que poucos) e os fiascos (parece que moitos) que esta xente do famoseo vai colleitando cando se mete no quirófano para facerse "arranxiños".
No correo recoméndanme que non deixe de verificar a evolución, neste caso positiva, de Catherine Zeta Jones.
 
Operación peiteado
Quen máis quen menos leva feito mofa e befa dunha modalidade de peiteado denominada tecnicamente estilo Anasagasti, que é un exemplo de optimización dos escasos recursos capilares na procura da máxima eficiencia estética, aínda que sobre isto último hai, como en botica, pareceres moi dispares. No que non reparara eu ata agora era nas dificultades técnicas que entraña a aplicación do Anasagasti style. Menos mal que hai unha web na que se nos desentrañan paso a paso os misterios desa obra de enxeñería.
 
El Progreso
Imos romper unha lanza polo xornal El Progreso. Razón? O diario lugués ofrece aos internautas a posibilidade de acceder ao seu contido íntegro en formato PDF. O único que hai que facer é rexistrarse, algo que sempre é recibido polo usuario con mala cara porque obriga a cumprimentar unha tediosa batería de preguntas, pero mesmo hai que dicir que o proceso de rexistro é bastante áxil neste caso. E aínda hai máis: xunto con El Progreso poderás consultar tamén A Mariña. Todo de balde.
Por se non te animas a rexistrarte (pereza estival, medo a que os teus datos se esparzan pola rede -como se xa non estiveran por aquí e por acolá-, etc.), tráioche aquí as primeiras páxinas da edición de onte, mércores 17 de agosto.





As portadas son unha delicia para min. Por un lado, o hiperlocalismo xa mítico de El Progreso impregna e determina a crónica da traxedia de Iraq ("Tres militares de Lugo...", "Un lucense que viajaba..."). Polo outro, a contundencia tipográfica con que A Mariña se achega á questione do polbo ten, creo, o seu aquel, sobre todo cando é o PP quen a axita.
 
Repaso
Hoxe cheguei un pouco tarde á miña cita coa prensa. Tan tarde, tan tarde, que en realidade hoxe xa é mañá. De todas formas, un repasiño é suficiente para poder ir para a cama sabendo que o mundo anda coma sempre: tolo.
EPISODIO 1: O arzobispo de Santiago e o alcalde de Lalín póstranse en Pontevedra ante un ídolo relixioso, neste caso a Virxe da Peregrina, e pídenlle que protexa a institución da familia. Podes velo en La Voz de Galicia e no Diario de Pontevedra [non poño enlace porque creo que non estará accesible]. Neste último recóllense anacos da prosa literaria utilizada nos discursos, na que non faltan perlas como "benquerida terra do Deza".
EPISODIO 2: Unha última hora ocúpase do incendio de Pontevedra, a mesma Pontevedra na que o alcalde de Lalín desenvolvía o seu papel institucional, e dos graves danos que ocasiona. Lección que aprendemos: non só hai que pedir pola familia, meus señores do clero e da política, pídanlle tamén por asuntos tan graves coma este.
EPISODIO 3: As sempiternas festas, para contradecir o tópico da nosa melancolía (ou para loitar contra ela?). El Correo Gallego chega a colocar este titular en portada (edición dixital a esta hora): Desparrame festeiro en Betanzos. No artigo verás unha foto na que aparece, con cara de despiste supino, o actor Fernando Guillén Cuervo acompañado, claro está, do alcalde de turno.
EPISODIO 4: Escándalo, ou polo menos a min parécemo. Falamos da Festa da Auga de Vilagarcía. Segundo La Voz de Galicia, que ilustra o artigo coa foto dunha gogó en pleno contoneo, "la comisión del Auga vela armas para dejar caer, a partir del mediodía de mañana, diez millones de litros del líquido elemento sobre los festejantes". Lume e sequía por un lado, dez millóns de litros de auga [perdón, líquido elemento] polo outro. Como nos gustan os grandes números: dez millóns de litros de auga, tres toneladas de carne ao caldeiro, mil arrobas de polbo á feira, cincuenta mil pipos de viño, etc. etc. etc. etc. etc. etc. etc. Manda truco!
EPISODIO 5: Adéntrome en El Progreso e vexo a portada do luns 15 en formato PDF. Textual: "Cacharro dice que está 'a velas vir' en el tema de la sucesión de Fraga". Por certo, a publicidade que loce hoxe El Progreso na cabeceira é de COREN, proba de que as relacións Cacharro-Baltar marchan por bo camiño.
Fin das miñas pescudas: todo está en orde.

 
Desconfía e sairás gañando


Así avisa a policía local de Ribeira do perigo dos carteristas. Moito ollo, así pois, con aqueles/as/is/os/us que se che arrimen demasiado. Tamén podes probar a levar, agora que tanto se estila ter mascotas exóticas, algún bicho con bos dentes dentro do bolso. Toda precaución é pouca, ciudadano. Pasaremos por alto algunha cuestión ortográfica do texto: xa forma parte do noso folclore.
 
Perly, unha walkiria na cidade olívica (e olé)


Esta foto rescateina de Vida Social Gallega, un especial dominical de El Correo Gallego e, en consecuencia, unha das miñas visitas obrigadas. O que primeiro me chamou a atención foi o moreno de Corina Porro, máis coñecida como Perly nalgúns círculos da cidade de Vigo. Contrastan vivamente o tostado e o entusiasmo que se reflicten na cara da alcaldesa coa apariencia apática dos cabaleiros/próceres que a flanquean, en especial de Paco Vázquez, que sae un pouco apaisanado coa súa cara de sufridor e ese bandullo de alcalde de toda a vida. E que me dis da mirada do home da esquina, nin máis nin menos que o alcalde de Ourense? Inquietante, diría eu.
Ben, centrémonos na glamourosa Perly, da que son un fan declarado. Non son o único, por suposto. Na canle Vigoempresa manteñen unha sección de cotilleo na que, un día si e outro tamén, a rutilante Corina goza da súa cota de presenza. Nun dos últimos comentarios que publican glosan unha entrevista que a rexedora concedeu hai pouco ao Faro de Vigo e na que desenvolvía unha teoría, supoño que da súa autoría, que relaciona as macetas coa globalización. Unha teoría, todo hai que dicilo, tan apaixoante como incomprensible. Como a sección de cotilleo de Vigoempresa vai sendo renovada periodicamente, copio e pego o artigo, non vaia ser que cando o queiras ver xa fose perculizado.
Velaí vai:

No es ella precisamente una intelectual, ni tampoco tiene mucha mundología; pero, de vez en cuando, demuestra al gunas bien singulares capaci dades.
Por ejemplo, leer en inglés sin saber una palabra del idioma ni de su correcta pronunciación. Para asombro de todos los presentes, muy en especial del presidente de Benteler, que en una pasada visita a la ciudad debió pensar que la alcaldesa se dirigía a él en esperanto.
O, también, recientemente, dar a conocer la más innovadora de las teorías en torno a la estrecha relación que existe entre la coyuntura económica local y la situación mundial.
"Por supuesto. Vigo necesita muchas más macetas. En una economía globalizada, con amenazas derivadas de la internacionalización, tenemos que desarrollar estrategias a medio plazo para diversificar nuestros recursos".
"Y, en el caso de Vigo, eso es impulsar el sector servicios. Y esta estrategia tiene que ver con la maceta. La política de la maceta da riqueza y puestos de trabajo. Y criticarlo es mediocridad de miras".
Para explicar a continuación por donde va el futuro económico de la ciudad:
"Porque cuando aquí nos pongan los chinos una industria con cuatro duros y nuestra industria se vea castigada, nosotros debemos haber sido lo suficientemente estrategas para haber desarrollado nuestras posibilidades. Estamos sacándole todo el rendimiento a la ciudad. ¿Con macetas? Pues sí. En esta ciudad hace falta mucha más política de macetas".
Son párrafos que se corresponden íntegramente a la respuesta dada por Corina a una pregunta formulada en el contexto de una entrevista publicada por el Faro de Vigo el domingo 10 de Julio. Unas opiniones que nunca perderán su vigencia, al menos en cuanto a que son merecedoras de entrar en cualquier antología de teorías expresadas por los mandatarios municipales más "clarividentes", aquellos que siguen la escuela lógica de un filósofo y actor mejicano que se llamaba Cantinflas.
Algunos pensarán que son sólo las banalidades de una persona frívola; pero también es verdad que hay que echarle morro. O séase, cara. Que tiene mucha, esto sí que hay que reconocérselo.
Algún día habrá que contar - con todo detalle - la trayectoria de Perly desde que llegó a Vigo,allá por los años ochenta.
 
Poeta ti
A condición de poeta -vaia maneira de empezar, non si?- pode render grandes beneficios en determinadas circunstancias. Ti podes ter estudado unha carreira de non-sei-que e investir os teus cartiños nun pisiño e nunhas accións de Iberia que che garantan o futuro, vale, vale, pero colle uns folios cos teus poemas, deixa caer con soltura -iso si, sempre nos círculos axeitados- sinais inequívocos da túa vocación poética e verás como cotizas á alza. Hai que botarlle cara, claro, e axustar as doses de pedantería para non cargarse o invento de boas a primeiras, pero iso xa forma parte das habilidades sociais que todos temos que ir cultivando ao longo da vida.
Que por que me dá hoxe pola exaltación da vida do poeta? Moi sinxelo, porque acabo de ver na rede a solución a un problema de base que tiña a miña argumentación, a saber: para facerte pasar por poeta terás que ter algo escrito, digo eu. É certo que sempre che quedaba o recurso ibérico de apropiarte de obras doutra xente e tirar-pa-diante, procurando non recurrir a iconos de todos coñecidos que te delatasen (Con diez cañones por banda, Me gusta cuando callas porque estás como ausente, Nesta longa noite de pedra...), pero nesa artimaña había un grave risco de metedura de pata cósmica. A solución chegou da man dos aduaneiros sem fronteiras, que veñen de presentar no seu blog un Gerador automático de poesía galega. A criatura é marabillosa: ti fas clic e de inmediato aparece en pantalla unha poesía en galego que xa é túa. Fas clic de novo e levas outra, e outra, e outra...
Mira ata que punto a iniciativa tivo boa acollida que La Voz de Galicia lle dedicou un artigo de benvida. Pois iso, poeta ti: xa non hai excusas.
 
Erratas
Chámame a atención esta corrección de erros que se publica no Diario Oficial de Galicia do día 5 de agosto. Nin máis nin menos que unha errata nun dos apelidos da nova conselleira de Sanidade.
"Corrección de erros.-Decreto 213/2005,do 3 de agosto, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia.
Advertido erro no texto do devandito decreto, remitido para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia número 149, do xoves 4 de agosto, cómpre facer a oportuna corrección: Na páxina 13.688, liña 8, columna dereita, onde di: «María José Rubio Vilar, conselleira de Sanidade», debe dicir: «María José Rubio Vidal, conselleira de Sanidade»."

A verdade é que tampouco hai que escandalizarse por estes fallos, moi propios de tempos de mudanza como os que agora nos toca vivir. Eu tampouco sabía quen era esta muller. Para porlle remedio á miña ignorancia fun á web de El Correo Gallego, un dos meus xornais de cabeceira (sic), e atopei un artigo no que aparecen as fotografías das seis novas conselleiras. Agora fai o que fixen eu: pincha co botón dereito na foto de calquera das señoras conselleiras e selecciona a acción "Gardar imaxe como...". Cal é o nome co que se che propón que gardes a imaxe? Pois o mesmo que utilizou El Correo Gallego: "las-nenitas-de-la-xunta". El Correo Gallego nunca me defrauda.
Outra errata referida ao novo executivo galego acabo de vela no xornal La Razón Digital (o engadido de Digital é sinxelamente matador). Desta volta trátase dun severo desaxuste entre o pé de foto e a foto mesma. Míraa aquí.
 
Agradecementos
Na foto podes ver ao sempre sorrinte Iván o Deportivista. Tanto el como o meu querido Uxío, my brother, prestáronme a súa axuda inestimábel para a montaxe dunha nova aula de informática no meu centro de traballo. Velaí, detrás de Iván e dos seus brazos en alto, algúns dos equipos que instalamos. Moitas grazas, meus.
 
Un canto a Galiza (3)


Supoñamos que, sorte a túa, posúes unha casiña cerca da praia. Chega o verán e decides facer uns cartiños á conta dos turistas. Vas perder o teu tempo e gastar diñeiro en facer un rótulo bonito? Non, ho! Colles un rotulador e practicas a escritura automática sobre o portal do garaxe. Lembra que o importante é que se entenda. Resultado: SEDANCAMAS.
 
Un canto a Galiza (2)


Colle o coche, pono en marcha e non tardarás cinco minutos en atopar un anuncio da marca Husqvarna. Hai centos e centos deles ao longo e ao ancho do noso territorio, ata o punto de que podería pensarse que tamaño despregue obedece a algunha campaña de incitación á tala masiva [Eu, que son desconfiado...] Na foto que hoxe che ofrezo, o cartel de Husqvarna, ben enmarcado nunha parede de cemento a medio rematar, está rodeado dun contexto espléndido que ilustra a nosa capacidade para o aproveitamento de materiais de refugallo: un cerrado, coa súa cancela e todo, elaborado a partir de distintos restos de camas. E virán os finolis a dicir que é feísmo...
 
Un canto a Galiza, hei!


Mira que levo pasado por diante desta placa un millón de veces e, de tanto vela, xa nin a miraba. É máis, tan pouco reparei nela que creo que nunca cheguei a lela, e iso que está perfectisimamente situada nun punto de máxima visibilidade no lugar onde traballo. Sempre igual, dirás ti: canto nos custa valorar o que temos plantado diante dos fuciños! Vista no momento no que escribo estas liñas, a un día escaso da toma de posesión dos novos mandamaises da Chunta, esta placa ten a solemnidade dun epitafio. Que descansen as súas excelencias.