Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Teo electrificado
Esta foto foi feita nos arredores do couto pesqueiro de Xirimbao, na parte que pertence ao concello de Teo.
A película debeu ser algo así como isto:alguén decidiu acondicionar un carreiro de terra para subir a un altiño, outro alguén pensou en "decorar" o percorrido cunhas farolas, un último alguén tomou a decisión de acometer a obra.
Para que estas farolas? A quen teñen que guiar e a donde? Canto custaron? Canto gastan? Preguntas, sempre preguntas.
Grazas, Ferrancheitor, polo descubrimento.





 
O monstro do Deza


Fixen esta foto un día gris da semana pasada a iso da unha e media da tarde. Digo gris porque era gris e porque mesmo choviscaba un nadiña en Silleda. Había poucos días que tivera lugar aquí Turisport (mira as crónicas do Rabudo e de Kate, que por alí pasaron), pero o monstro xa regresara ao seu aparente estado natural: coma vexetativo.
Monstro? Imaxina unhas tremendas instalacións de 430.000 metros cadrados que botan case todo o ano sen uso. Imaxina, se é que non o viviches, unhas feiras nas que, agás no gran feirón da Semana Verde, parece que os comerciais encorbatados superan en número aos visitantes. Imaxina, se é que non o viches por ti mesma/o, un ciclo de conferencias que se desenvolve ante un desnutridísimo auditorio. Imaxina un contorno social e produtivo que vive cada día máis de costas ao monstro nacido para exercer de motor e timón e faro e non sei cantas cousas máis...
Imaxina todas as galletas que comerá este monstro para manterse nese estado de languidez.
 
Onde o mundo se chama Jayoso
Falo con xente que entende e que me di que o Luar, ese buque insignia da TVG que lle dá de comer a esgrevios artistas, pode estar a piques de desaparecer. Pois non hai nin unha semana que me contaban unha anécdota que explica moi ben o que significa este programa para moita da nosa xente.
Cóntoche. Unha persoa chega ao fogar-doce-fogar un venres pola noite e atopa aos da casa dormindo no sofá mentras na tele se desenvolve o Luar. Cando espabilan un pouco pregúntalles por que non van para a cama. A resposta é inmediata: E se chama?
Afoto: aduaneiros sem fronteiras
 
Non podo resistirme...


Chégame ao correo un deses arquivos feitos no Powerpoint que tanto circulan. Nel descubro a José Ángel e o seu disco, intitulado Madre, soy cristiano homosexual. Son automaticamente abducido e mergullo na rede buscando máis. Máis, sempre máis.
Atopo unha páxina memorábel e alí descubro a José Ángel con outros clons que alguén tivo a santa paciencia de ir recopilando e, manda wes, glosando con crueldade infinita.
O mellor é que trae un enlace para descargar o tema e poder oílo. Asegúroche que cando chega o estribillo e solta o de "Madre, soy cristiano homosesual" sentes que a música acadou, grazas a este José Ángel, un punto de non retorno.
 
Reciclaxe
Colle a estrada que vai de Bertamiráns a Negreira, cruza a ponte do río Tambre e, xa no feudo de José Blanco Pazos, pronto verás o valo que se amosa na foto. Está feito con esmero e cuns materiais de primeira: os marcos que indican a quilometraxe nas estradas. Bueno, onde digo indican deberei dicir indicaban, porque a estes xa os papou o demo.
Ti dirás se esta construción entra no dominio do que por aí denominan agropop-art. Eu creo que si.
Seguro que se este home levantase a cachola sería un dos primeiros en felicitar a este artista nicrariense (encántame este xentilicio, case máis ca alaricano).
 
Enxebrismo


Non hai moitos días volvín reparar, mentras facía algo de limpeza, na miña pequena pero potente colección de vinilos en formato single. Xulga ti: Hermanos Calatrava, María Ostiz, José Guardiola...
De todas as portadas hai unha que me seduce por enriba das demais: Canciones Gallegas, de Manolo Mirás (y su conjunto), un disco editado en 1961. Hai tanta inxenuidade nesa composición que me parece imposible non enternecerte cando a miras.
A contraportada tampouco ten desperdicio. O propio Mirás asina un texto colosal do que che copio algún anaquiño:
"En tiempos primitivos, en aldeas, pueblos y ciudades de Galicia eran amenizadas las típicas 'Romerías' por conjuntos de gaita gallega, ataviados éstos con sus respectivos trajes regionales.
[...] De todo esto, intentamos hacer eco en Venezuela, Colombia y Norte América, cosa que se llevó a a cabo con éxito satisfactorio, sustituímos las gaitas por un conjunto adecuado con ritmo brillante (pero enxebre), que entusiasma a los emigrantes alejados de nuestra 'meiga' Galicia".
Etcétera.
 
O Dr. T


Unha pequena cuestión de traballo lévame hoxe ao encontro dun Richard Gere caracterizado de doutor. E falo en serio, que un non bromea con estas cousas.
Viaxo sen presas na compaña dunha choiva mansa e intermitente. Pouco tráfico pola N525, a estrada que percorro case a diario. De cando en vez éncheseme o coche dun fedor a purín que me atravesa. Nada que ver con aquel case entrañábel olor a bosta doutro tempo non necesariamente mellor.
Paso Lalín e collo cara Rodeiro. A paisaxe, reverdecida polas recentes augas, está a punto de caramelo. Por moito que o intenta, o pendellismo non pode con ela. De momento, claro.
Cruzo Monte Faro e véñenme á cabeza, como sempre que por alí paso, as romarías políticas que ti ben lembras. Asómbrame a cantidade de aeroxeradores que están instalados na cima. Non irán sendo horas de que alguén diga apagha a lus?
Un raioliño de sol cubre Chantada mentras papo un bo xantar dos de toda a vida: carne asada con patacas e tarta de queixo feita no forno, que é a que me gusta. Espléndido o bo facer de Xulia.
O traballo, que é ben lixeiro, agarda nas terras da Ulloa. Alí, quen o ía pensar, recíbeme o sorrinte doutor Gere.
 
Unha ampliación


Téñenme dito máis dunha vez que teño que ampliar a foto de presentación do blo, sobre todo porque xa o fixen con meu pai. Tardei, pero acabei facéndovos caso.
 
Homes


Que pecado tan grande cometeu este home para ter que expialo de xeito tan ostentóreo? Ou será que sobre el recae, na súa condición de alcalde de Ankara e custodio do pano carpetovetónico, a tarefa de pregar pola salvación colectiva da patria?
Preguntas, preguntas, preguntas... A resposta, of course, tena El Correo Gallego, sección Vida Social Gallega. Pásate por alí e verás tamén as fotos que dan fe do nomeamento dun novo caballero coronel de los Reales Tercios de Ehhhhpaña.
Ata sempre, Eduardo.
 
Moda Pipotinho outono-inverno
Pipotinho non se resiste a caer no anonimato e ser un ordenador do montón. El ben sabe -para iso ten megas e gigas abondo- que os tempos de fama e atención mediática acabarán cando el deixe de ser unha novidade extravagante; é por iso polo que Pipotinho quere aproveitar a fondo o seu momento e explorar novos vieiros. Así chega o noso bocoi ao apaixoante e vertixinoso mundo da moda.
Consciente -e quén mellor ca el?- de que o tunning xenera un alto volume de negocio, decide presentar a súa liña de complementos para ordenadores diferentes. Na imaxe podemos ver un dos pases, no que Pipotinho, comodamente sentado nunha mesa camilla con-puntillita-e-todo, exhibe un orixinal tocado de batracios. O peculiar sombreiro está dispoñible en verde gastado, aínda que os PCs máis desinhibidos poden optar por colores plastilina de inspiración posh.
 
Pracer solitario


Un bo día o de onte, luns, para tomarlle o pulso ao outono e perderse, aínda que sexa por pouco tempo, no contorno do mosteiro de Carboeiro. Un bo día para achegarse amodiño, saboreando desde o coche a calma que parece invadilo todo, e aínda mellor para, xa fóra da burbulla motorizada, dar unha volta polos arredores do mosteiro baixo unha chovisquiña que, a pouco que te despistes, te cala ata a alma.
Matino, mentras me deixo arrolar por todos estes placeres, noutra abreviatura máis cabal da palabra mosteiro. Nada, non se me ocorre nada.
 
Teo (case) sacrílego


Igrexa parroquial de Santa María de Luou (Teo). Un exemplo de integración dun motel nun contexto relixioso. Aperturismo post-conciliar en estado puro.
Se o combo igrexa-motel te deixa con fame, a menos dun quilómetro atopas o Fogar do Santiso, arquicoñecido e sobrevalorado -é unha opinión- templo do enxebrismo.
Oes, xa que estamos en Teo non deixes de botarlle un ollo a este impresionante achádego que vai obrigar a reescribir a historia do cinema. Por certo, a recén descuberta estrela do celuloide -que ben agachado o tiña!- acaba de recibir unha nova distinción internacional.
 
A hora da vinganza
Uns docentes sen alma rexentan un ciberchiringuito no que se despachan a gusto coas meteduras de pata da chavalada. A verdade é que o fan con humor e, como diría o famoso xoieiro, sen acritude. Con esa mesma falta de acritude imos tentar equilibrar a balanza traendo aquí unha anécdota sabrosona protagonizada por un profe. Imos alá.
Un profesor de francés vese, por razón do seu cargo como xefe de seminario, na tesitura de ter que presentar a programación anual da súa área. Un auténtico tocho, señoras e señores. O primeiro movemento que fai é impecábel: busca axuda e localiza a un colega que lle pasa un documento de Word correspondente á mesma programación doutro instituto. Agora só me queda retocar, pensa para si o noso heroe, cambiar o nome do centro de ensino polo do meu e, se é o caso, modificar un par de detalliños cantosos.
Todo parece encarrilado pero a adversa fortuna tamén xoga as súas cartas. Resulta que na programación que lle pasan inclúense referencias a algúns cursos nos que non se imparte a asignatura no centro do noso protagonista. Poñamos por caso e aclaremos: o documento que el manexa contén a programación de francés para 2º de bacharelato e no seu centro non vai haber francés en 2º de bacharelato.
Que facer? O obvio sería borrar o que sobra, pero este home non sabe cómo facelo. Despois de moito cavilar, decide solucionar o problema engadindo unha nota na que, xusto debaixo dos títulos das programacións das áreas que non existen, se especifica: "No caso de que se imparta algún día".
Hai que dicir que o protagonista desta historia demostrou unha rara capacidade, que é a de saber rirse de si mesmo, e autorizou a difusión da anécdota.
 
Teo monumental


Entre os monumentos de Teo que posibelmente non atoparás nas guías nin nos libros de arte figura este que se amosa nas fotografías. Erixido na parroquia de Oza, a poucos metros da capela de Santa Eufemia, este artefacto é unha contundente testemuña da devoción que a figura da nai desperta entre os teenses, co alcalde -cómo non- á súa cabeza.
Xa quixera ter eu recursos para ofrecerche aquí un comentario que glosase, desde a pericia e a obxectividade, os aspectos artísticos da obra. Xa quixera, mais non teño. O que si sei é que estamos ante unha escultura que condensa de xeito admirábel o sublime lazo que se establece entre nai e criatura, o cerne da existencia humana.


 
Pipotinho, you never walk alone
Hoxe sae na Voz unha referencia ao Pipotinho. As grazas hai que darllas a Nacho Mirás, que tropezou co bocoi mentras navegaba en plena convalecencia.
O que non sabía Nacho é que o Pipotinho, que non é quen de parar quieto, está agora pasando unha tempada moi pertiño dos seus dominios.
Xa que estamos a voltas con La Voz de Galicia, deixareime levar por unha das miñas moitas debilidades e propóñovos un exercicio como os que faciades na escola: podería redactarse mellor este titular que sae hoxe na edición de Santiago? Todas as suxestións achegadas serán ben recibidas.


 
Mil mesetas
Teño nas mans Land of Plenty (Terra de abundancia), unha película na que, segundo se anuncia, Wim Wenders ofrece a súa visión dos USA despois da sacudida do 11-S.
Antes de vela quero saber algo máis e fago as miñas pesquisas na rede para irme ambientando. As respostas, como tantas outras veces, son dispares.
Se lle fago caso a este home, mellor gardo o DVD e vexo Salsa Rosa; este outro, en cambio, dame máis esperanzas, e aquí recoméndanma encarecidamente.
 
Margarita y la caca
Non sei se viches isto. O mellor é que pinches no enlace de audio para ter unha experiencia moito máis real.
 
Todo de balde
Acusan algúns (perdón, acusamos) ao presidente Touriño de facer populismo descarado, que non barato, a conta de estender a gratuidade dos libros de texto á totalidade dos cursos do ensino primario. Pois pásmense, señoras e señores xunteiros, pero eses trece millóns de euros que vai custar a iniciativa touriñá non chegan a nada para satisfacer as expectativas da cidadanía. Tómese como exemplo o que me contou unha profesora dun instituto no que hoxe tiña lugar unha recepción para pais e nais do alumnado da ESO. Segundo ela me relata, nun momento da sesión falou un dos pais asistentes para expresar unha queixa:

Para que se lle fan gastar dez euros a un rapaz nun libro de lectura se, unha vez lido, o libro vai directo para a basura?

Só faltou que outro pai levantase a man e pedise a posta en marcha dun plan de recollida de libros xa lidos para evitar que se acumulen nos contedores e correxir as consecuencias ecolóxicas derivadas desta práctica masiva.
 
Armando vs Amando
Lévancho dicindo desde que botaches os primeiros dentes: Todo é malo se se leva ao exceso. Aplico sobre min mesmo esta máxima milenaria e fágoa miña, aportando polo camiño un matiz de galeguidade: Tanto escribir sobre Armando White non pode ser bo.
Hoxe, para variar a dieta, vou cambiar a Armando por Amando. Amando -don Amando de Miguel, sociólogo- ascendeu estes días aos altares da actualidade por un incidente do que che falo despois. Eu lémbroo, xa hai aniños, nalgunha tertulia da COPE nos tempos míticos de Antonio Herrero e de Ramón Tamames. Non sei se continúa agora na COPE, creo que si, pero donde o sigo é en Libertad Digital, o seu hábitat natural, donde se manifesta con rotundidade altisonante.
Amando de Miguel non escribe textos: dispara trabucazos cos que pretende poñer en solfa a ñoñería dos usos lingüísticos actuais, atribuída sempre aos vicios propios da modernidade. Frente a esta dexeneración, don Amando fai unha aposta pola recuperación dunha linguaxe pretendidamente pura na que cobraría, seguindo o tópico, un valor máximo aquelo de "al pan, pan, y al vino, vino". Non sei se me estarei explicando ben, meus nenos.
Esta tarefa hixiénica dalle a don Amando para meterse en moitos terreos, nomeadamente en camisas de once varas, e repartir estaca entre nacionalistas, homosexuais, partidarios do tuteo a discreción e outras herbas.
Visto o visto, este home reúne os méritos suficientes para ter o seu byte de gloria nesta bitácora. Por se alguén o dubidase, aí vai a guinda que acaba de poñer estes días cando se encarou coa directora xeral da Muller da Comunidade de Madrid invocando argumentos clitorianos.
Todo un persoeiro este don Amando.