Fraga no ebay
A nova xa aparecía hai uns días nun post do regueifeiro: alguén puxo á venda nas páxinas de Ebay un cinceiro que utilizara o mesmísimo Fraga.
O prezo de saída do cinceiro non era moi elevado -50 euros-, e ben pensei que habería auténticas pelexas para facerse con el, sobre todo sabendo que leva as iniciais do ex-presidente. Pois o tempo das poxas xa rematou e ninguén se animou. Aquí está a proba.
O Regueifeiro ilústranos tamén de que este intento de venda pode constituír delicto de receptación. Nunca se acaba de aprender.
O prezo de saída do cinceiro non era moi elevado -50 euros-, e ben pensei que habería auténticas pelexas para facerse con el, sobre todo sabendo que leva as iniciais do ex-presidente. Pois o tempo das poxas xa rematou e ninguén se animou. Aquí está a proba.
O Regueifeiro ilústranos tamén de que este intento de venda pode constituír delicto de receptación. Nunca se acaba de aprender.
Terás que vir probar a zorza

Aquí está o artífice do Pipotinho no momento de empezar coa remexedura da zorza, co pemento todo aínda sen mesturar coa carne, os allos e o viño branco. A informática está ben, diría Uxío, pero polos chourizos da casa aínda paga máis a pena doblar un pouco o lombo.
Agora terá que seguir amasando durante varios días, rectificando sal e pemento ata que se enchan os chourizos e se poñan a curar. Mentras tanto, queda a zorza para servir, unha vez fritida, de perfecta compaña a uns greliños e unha pataca cocida. Bueno, que sexan dúas.
Nota: a foto está dedicada a un clon de Hannibal Lecter que teño localizado nos dominios do Doutor Blanco.
Cachóns

Nacín a poucos metros deste recunchiño. Literalmente así foi, porque eu aínda son dos que naceron na casa. Nin hospital, nin pediatra, nin hostias.
Estaba por alí hai uns días dando un paseíño de sobremesa cando me crucei cunha amiga que vive nunha parroquia próxima. Falamos un pouco e alabou a beleza do recunchiño. Máis xente mo leva dito, creo que o señor Pepe de Gres o que máis. Por iso fixen esta foto, para gardar este pequeno paraíso meu antes de que a voráxine inmobiliaria chegue tamén ata aquí . Ou que o dono decida talar as árbores, ou construír un pendello, ou poñer unha parrillada.
De momento, os da zona sur de Oza parece que nos imos librando do urbanismo feroz. Levamos anos a menos de dous quilómetros da liña das urbanizacións e aí resistimos. No future: daranos a puntilla calquera dos Armandos Blancos que nos depare o destino.
S.O.S.
Estes días estou traballando nunha presentación multimedia que quero ter lista para o xoves 24. O tema? A violencia de xénero. Teño xa bastantes materiais para traballar, pero hai un apartado que me gustaría mellorar: refírome a unha sección de curtametraxes que quería incluír e que está un pouco verde.
Se sabes dalgún título que creas interesante e, sobre todo, se me dis donde podo descargalo, non deixes de avisarme. Moitas grazas.
Se sabes dalgún título que creas interesante e, sobre todo, se me dis donde podo descargalo, non deixes de avisarme. Moitas grazas.
Unha homenaxe pendente
Hai uns días publicamos un temiña do cantante El Parga no que se rendía homenaxe á figura do Rei das Españas. Como a discografía deste cantautor -falamos de El Parga, claro- é bastante ampla, atopamos unha canción na que o bardo de Corme glosa con entusiasmo as aportacións dun vello e esquecido compañeiro de fatigas: o burro.
Podes escoitar aquí o tema.
Se queres montar unha sesión karaoke, velaí vai a letra.
E remato. Xa que hoxe o tema vai de burros, quero que vexas que na casa dos do Borriquito tamén se cocen fabas. Compróbao nesta ligazón. Grazas por achegarma, ancila.
Esas pequenas cousas

Esta foto está feita agora mesmo. Acababa de chegar do traballo e tiven o antollo de inaugurar a tempada das filloas. Dito e feito: fariña, auga, uns ovos das pitas de mamá Esther, unha boa remexida e un cachiño de touciño para untar de cando en vez as sarténs. Ademais, desta vez fixen un pequeno experimento que non está dando mal resultado.
De oca en oca
Gracias, Maghestá

Coñeces a El Parga? Electricista e músico, mesmo personaxe radiofónico durante un tempo, El Parga é, por enriba de todo, un artista sen complexos.
No ano 1998 tiven a honra de participar, enrolado no colectivo Nonsekomenada, na gozosa tarefa de dixitalizar unhas cintas de casete deste músico de Corme e pasalas a soporte CD. Este foi un dos temas máis celebrados do disco.
A letra da canción está disponíbel nesta ligazón.
A miña Marela
Xa pasara tempo, creo que algúns anos, desde que estivera en Curantes (A Estrada) por última vez. O luns volvín, na compaña dunha chantadina de pro, para asistir ao enterro do pai dunha compañeira de traballo e amiga. A nosa intención era agarimar un anaquiño á nosa amiga e volver ás obrigas laborais que nos agardaban. Non pudo ser. O morto, e parecerache chiste, retrasouse e tivemos que marchar sen poder cumprir o noso obxectivo. A culpa non foi do morto, pobriño, senón do tráfico que dificultou o seu traslado desde a cidade manchega na que residía ata a parroquia na que agora descansa.
A tarde estaba agradable. Coa morte como desasosegante telón de fondo, todo parecía conducirnos a esa especie de doce melancolía que te anestesia un pouquiño. Regresamos con calma, amodiño, mirando para os lados da estrada.
Foi entón cando a vin, tan tranquila, tan igual a aquelas coas que convivín de pequeno, nos tempos en que as vacas aínda tiñan nome. Mirámonos e recoñecina: Ti es a Marela.
Os de Teo sacamos o título en Michigan
Esta imaxe ilustra un bando no que Armando Blanco, alcalde do meu Teo, nos convidaba a participar nun curso para a obtención do Graduado en ESO.Aínda que non é moi clara, na ilustración apréciase unha superposición de elementos tirando a extravagante, a saber: o escudo de Teo e o texto "Graduado ESO" apílanse sobre un impagábel fondo procedente dunha exótica institución académica que atende por The University of Michigan.
Pode ser que a imaxe sexa unha simple curiosidade, tal vez propiciada polas presas dun deseñador que necesitaba con urxencia unha imaxe alusiva -calquera- para saír do paso; pero pode ser tamén, e esta é a miña hipótese, que constitúa unha homenaxe á experiencia universitaria de Armando Blanco nos EEUU.
Escoita a Alén (by the face)
Volvemos coas novidades de Alén, o grupo de cabeceira do Falabarato, que camiña cara un disco de platino co seu Simplemente, un CD do que xa falamos aquí. Esta xente, que non dá parado quieta, acaba de poñer na súa güeb un reproductor on-line no que ofrecen, íntegros, os catro temas do seu disco. Veña, pasa e escoita.
Se o que queres é oílos en directo, achégate a Chantada a vivir o primeiro concerto da banda, que terá lugar o 25 de decembro no pub Tabú. Nada mellor para repoñerse da sobredose de fraternidade da Noiteboa.
Se o que queres é oílos en directo, achégate a Chantada a vivir o primeiro concerto da banda, que terá lugar o 25 de decembro no pub Tabú. Nada mellor para repoñerse da sobredose de fraternidade da Noiteboa.
Casorios

Esta foto chega ao meu correo acompañada dunhas palabriñas: Como te vexo tan coleccionista de horteradas e/ou pailanadas (ou non sei como chamarlle), non podo resistirme a que vexas este texto para celebrar unha despedida de solteiro. É que o texto non ten desperdicio polo seu altísimo valor literario!!
A foto é tan elocuente que sobran comentarios pola miña parte. Iso si, voume permitir formular unha proposta alternativa para unha pancarta matrimonial desas que tanto vemos polas estradas, preferentemente colgadas nos pasos elevados ou nos postes da luz. É imprescindíbel que a túa imaxinación aporte unha foto axeitada para combinala con este texto:
"Quixera eu que todas as persoas fosen coma min; pero cada un ten de Deus o seu propio don: este, un; aquel, outro. Sen embargo, aos non casados e ás viúvas dígolles que lles é mellor permanecer coma min, pero se non poden gardar continencia, cásense, que mellor é casarse que abrasarse" (San Pablo, Corintios 1, 7-9)
Porque sigo siendo el Rey

Saes de Santiago, colles cara A Estrada e a man esquerda, así como a quilómetro e medio da rotonda do Castiñeiriño, atopas este establecemento hosteleiro.
Creo que hai que darlle un dez ao deseñador do rótulo. O cinco xa llo daría só por ter acadado esa harmoniosa combinación de iconos que desperta no observador unha profunda pulsión que o predispón a acceder ao local e consumir uns produtos que, grazas á economía gráfica coa que son representados, mostran a súa esencia máis radicalmente desexábel.
O outro cinco darémosllo pola súa valentía ao asociar, sen interpor ningún xénero de artificios, o momento do almorzo co primeiro lingotazo do día. Que digan o que queiran os augafestas, pero nós imos todos almorzar ao Rei do Cubata, pois ben sabemos que o alcohol non pode ser tan malo cando mesmo o usan os educadores para resolver pequenos trastornos de saúde do alumnado.
Unha de Pajares
Abro o meu correo e atopo unha pequena xoia que me remite a autora do incunábel Fragmenta de carminibus amicitiae: nin máis nin menos que unha recompilación das carátulas dos discos -moitos- que lanzaron ao mercado Pajares e Esteso, eses cómicos que, segundo nos foron descubrindo as telebasuras, tiñan un ramalazo cañeiro bastante considerábel cando franqueaban as portas da súa vida privada. Algo haberá de verdade neses rumores se ata o Diario del Bierzo se fai eco deles.O devandito correo veume que nin pintado para poñerme a buscar na rede a carátula dunha película de título arrebatador na que máis dunha vez matinara: Los extremeños se tocan, inspirada nunha obra teatral homónima de Pedro Muñoz Seca, que tamén ten un papeliño no filme (Digo eu que sería un acordo como os que se dan cando alguén vende un solar e, a cambio, se reserva un par de pisiños).
Non deixa de asombrarme que a FNAC inclúa esta película nos seus catálogos. Cosas veredes...
.
A era Fotochó
Láiase unha moza de que nos carteis publicitarios de Hipercor sempre poñen unhas mulleres potentes e nunca uns maromos igual de macizos. Despois engade que está farta de que, "cada vez que ergo a persiana, se me baixe a autoestima a golpe de vista".
Non sei se este artigo que enlazo servirá ou non para subirlle a autoestima, pero, desde logo, ilustra perfectamente cómo se retoca a beleza que nos venden.
Non sei se este artigo que enlazo servirá ou non para subirlle a autoestima, pero, desde logo, ilustra perfectamente cómo se retoca a beleza que nos venden.