Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
ese-eme-eses
Non teño claro se a xente aínda escribe postais de nadal. Eu nunca escribín moitas e hai anos que xa non mando ningunha. Por conseguinte -sempre me gustou esta muletilla do xoieiro-, non hai nada raro no feito de que tampouco as reciba.
Con todo, teño que anotar algunha excepción, como a postal que me remite o alcalde do meu concello desexándome que "o próximo ano nos colme de amor, paz e felicidade". Por pedir que non quede, non si? A felicitación remata cunha breve nota manuscrita na que o propio Armando Blanco nos desexa o mellor do mellor valéndose dunha ensalada de maiúsculas e minúsculas distribuídas ao chou. Xenio e figura.
A cousa é que agora as felicitacións me chegan vía correo electrónico e, sobre todo, teléfono móbil. Supoño que é o que lle pasa a todo-dios.
Tiña planeado facer unha escolma dos mellores SMS que me chegaron e ofrecerchos aquí, pero ando xusto de humor e só vou transcribir o que, segundo o meu criterio, merece o máximo galardón:
Con todo mi cariño te mando la receta de la navidad: Juntemos varias
medidas de ilusión, una pizca de amistad y un gesto de ternura. Horneemos la mezcla con amor. Feliz Navidad.

 
Non te cases cun ferreiro...


O martes á noite pasei pola casa paterna. Cando entrei pola porta estábase a oficiar a traxicomedia da despedida do Supermartes e meus pais estaban pegados á silla mentras Superpiñeiro e a inconmensurable Pili Pampín cantaban a dúo Non te cases cun ferreiro, que é moi malo de lavaareee, cásate cun mariñeiro, que vén lavado do maareee...
No medio de tanta bágoa (todo eran despedidas, ata sempres e azafatas con caras de pena penita pena) díxenlle a miña nai, mentras comía o meu prato de caldo, que xa lle valía á TVG e que me parecía lóxico que fosen desaparecendo programas tan ranciosos como o Supermartes. A súa resposta foi lacónica: Si, pero ta bonito.
 
Estatística vacuna
Navego e navego ata que chego a un artigo recente do Ollo da vaca que me atrapa e que me permito recomendarche.

No ranking de nomes figuran varios que me lembran moitas vacas da miña nenez. De todas as que houbo na casa, a que primeiro me ven á memoria é aquela Negra que me cotaba sempre que me collía de costas. Mira pa ela e non te revires, dicíanme os da casa cada vez que tiña un pequeno percance con aquela vaca tan pouco amiga dos rapaces.

A verdade é que cada vez que lembro a miña infancia aparecen as vacas.
 
Bo humor
Pincha aquí para asistir a un dos moitos momentos dese humor tan ben parido que nos chega desde as Vascongadas, como din estes.
 
Todos contra el fueeego


Este trebello da foto tróuxomo un rapaz de Silleda. É un artefacto incendiario atopado por seu pai nun monte da zona.
Dado o seu nivel de sofisticación (xa ves que, por levar, ata leva paracaídas e todo), hai que pensar que os que plantan lume nos nosos montes son algúns máis que os incautos da barbacoa, os labregos imprudentes que queiman a rama das patacas ou os psicópatas de turno.
A ti que che parece?
 
En Riazor


O domingo fun ao fútbol co meu inseparable Iván o Deportivista. Ir con Iván ao fútbol só pode significar unha cousa: ir a Riazor.
Acompañounos, coma sempre, o amigo Ricardo, un cascarilleiro exiliado en Sada que tamén profesa a relixión deportivista. A miña, en cambio, vai por outros derroteiros.
Desta volta notei un notable desapego da afición con respecto ao equipo. Ao pouco de empezar o partido xa lles estaban berrando aos seus xogadores; a cousa foi indo a máis na medida en que pasaban os minutos e non había goles.
Sabes cando o público se entonou? Cando viron no marcador que o Zaragoza lle marcou gol ao Celta. Que xente!
Na foto, feita no descanso, escachan a rir Ricardo (esquerda) e Iván (dereita). En primavera, se non hai novedá, volveremos.
 
Os burócratas fían fino


Hoxe tráioche unha foto dun anaco dun parte de baixa laboral que me tocou transportar recentemente. A verdade é que nunca me parara a ler ningún e creo que atopei un elemento que pode alimentar un interesante debate.
Estou a falar da relación de causa-efecto que no documento se establece entre a morte do paciente e a súa inmediata promoción á condición de alta.
Noutras palabras, o feito de estar morto non me librará de cumprir coas miñas responsabilidades laborais. Vai ser certo aquelo que cantaba don Manuel, o párroco da miña infancia.
 
Xa están aquí


Aínda están fresquiños, pero xa teñen un puntiño. Arrímalles unha codela de pan e unha taciña de viño e xa me dirás.
Agora só fai falta, como se dicía antes, saúde para comelos. Non estará de máis recomendarlles aos comensais, á vista da magnitude da colleita, que cultiven a virtude cardinal da templanza.
PD. Dedico este post con todo o meu afecto ao amigo americano.
 
Un moroso real
Va a esta ligazón se es unha desas persoas de corte clásico ás que lle arrepía imaxinarse habitando unha lista de morosos. Verás como te curas deses pudores.
 
Broa e chourizos
O meu panciño de millo chega tarde, amigo Rabudo, para facerlle compaña ao teu peixe.

Este pan está elaborado, nobreza obriga, con fariña de millo de Oza (Teo, claro) que cultivan os pais de Falabarato. Desta fariña, que non é das que dan cartos a esgalla, nútrese todo un exército de comensais: pitos, galiñas, o quiniño... e o propio Falabarato, como está mandado.

A broa da foto está feita de onte e aínda veño de comer agora un cachiño para almorzar. Dentro duns días volverei facer outra fornada para estrear os chourizos novos.

PD. Estarei empezando a parecerme a Luis Rrrrrriallll?
PD2. Se a resposta é afirmativa, é iso grave?
 
Haxiografía


Este da foto é Santiago Rouco, un quixote da canción. A pesar dese look de secundario de telenovela de ultramar en horas baixas e de ter unha voz que, como podes comprobar aquí, é manifestamente mellorable, este home é quen elevarse por enriba desas miudeces e acadar cotas artísticas só reservadas a uns cantos elixidos.
 
O meu candidato


Xa levarás escoitado ducias de veces aquel sonsonete do importante que é para o réxime democrático que haxa unha oposición forte que plante cara e que sexa un eficaz contrapeso e blablabla. Pois vale, déixame que poña o meu gran de area na difícil tarefa de axudarlle á oposición galega a atopar ese líder que a conduza de novo á poltrona de San Caetano.
O meu candidato é o Alcalde Rockero. É do PP, é do Bierzo (ou sexa, galego), leva anos ao frente do concello de Oencia, é mediático... Pódeselle pedir algo máis ao candidato que fará renacer ao PPdG(Ga)? Frente a esa sosería xa coñecida que exhiben os Barreiro, Padre Feijoo e cía, aquí temos a un home carismático que, por se fose pouco, canta. Escóitao neste tex-mex.
PD. Gardo con especial cariño un disco asinado polo propio José Estanga, que así se chama el. Ese disco non o verás no Ebay, alomenos mentras eu rexa.