Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Sombras
Mira este vídeo. A min paréceme espléndida esa combinación de Rosalía e Joy Division.
Ademais cadra que non hai moito que vin a película 24 Hour Party People, de Michael Winterbottom, e teño fresquiña a escena do suicidio do atormentado cantante de Joy Division.
 
Sildenafilo
Mira que alfombriña máis bonita me regalou a doutora A.M.!! Non me negarás que o estampado é un puntazo.
A todo isto, non sabía eu que este medicamento se chamase sildenafilo, así que gugueleei e entrei na primeira web que me saiu ao paso. Alí está todo moi ben explicadiño, desde os efectos secundarios -que teñen tela: diarrea, bochornos, aumento do volume das glándulas mamarias...- ata o consabido modo de emprego, que neste caso se remite basicamente a programar coa maior precisión posible o momento da inxesta, o que obriga ao paciente a ir sobre seguro.
Por suposto, tamén se nos indica que poñamos empeño en que a pastilliña azul se manteña "fuera del alcance de los niños". Criaturiñas!!
 
De lei
A imaxe chegoume ao correo electrónico xunto cun comentario que reproduzo:

Envíoche estes exemplos de HARMONIZACIÓN LINGÜÍSTICA que hai nos cines Valle Inclán (e en máis sitios) e que, segundo me contaron, é a versión galega da páxina web do ministerio de sanidade e que creo que xa retirou. Desde logo que hai que felicitar a tremendo lingüista.

Non fai falla guguelear moito para atopar referencias do eslogan que nos ocupa e doutras propostas análogas. Mira esta, elexida pola axencia Grupo de Comunicación Publicitaria (GCP):

En tu interior, sabes que también será bueno para ti.

PD. Esta cita recollina aquí.
 
Sed de Dios
Foi alá polo mes de outubro cando souben da existencia de José Ángel, autor e intérprete do xa mítico Madre, soy cristiano homosexual. Onte devolveumo á memoria Manuel, o meu corresponsal na Paradanta, de paso que me recomendaba con entusiasmo que visitase esta páxina e que prestase atención tanto ás ligazóns que trae como ás críticas que fai de cada un dos músicos. Hoxe fíxenlle caso e fun donde me dixo. Caín na conta de que por alí xa pasara eu tamén, pero iso non quitou para que botase unhas gargalladas.

A verdade é que non hai que dar máis de dous pasos pola arañeira para atopar infinidade de páxinas dedicadas a cantar as louvanzas de xente que, igual que o mentado José Ángel, poden lucir con orgullo a etiqueta de frikis. Mira esta, por exemplo. Ou estoutra, que demostra que hai quen sabe sacar pasta ata de debaixo das pedras. Se o que che interesa é profundizar no difícil binomio cristianismo-homosexualidade -tema apaixoante donde los haya-, atoparás bastante para escoller. A min gustoume a web do Col.lectiu Lambda (Valencia), na que atopei esta testemuña:

[...] A los 5 años de edad me enviaron por un corto tiempo a un colegio franciscano y allí pude aprender algo más acerca de Dios, pero como no les alcanzaba el dinero para pagar, me pasaron a una escuela pública gratuita. Lamentaba no ir a un colegio cristiano, tenía sed de Dios.

Estou seguro de que Deus ten moito sentido do humor. Infinito, como todo nel.


 
Un irmán para Pipotinho
O primeiro é agradecervos todas as mostras de cariño que recibín estes días mentras Pipotinho se debatía entre a vida e a morte. A súa recuperación foi total e agora traballa tan ben ou mellor ca antes do ataquito.

Ademais, agora Pipotinho sabe que non está só na galaxia.

Días atrás recibín un correo electrónico de Marcos Gómez no que me dicía que el fixera un ordenador nun pipo había uns meses e comentaba que se sorprendeu moito cando descubriu a Pipotinho mentras cacharreaba pola interné. Ofrecíame fotos do seu ciberpipo. Como é lóxico, tomeille a palabra e pedinlle esas imaxes e o permiso para publicalas.



O ciberpipo de Marcos é cousa seria. Fíxate que hardware leva, segundo me indica o seu creador:

Trátase dun Pentium IV a 2.8 Ghz con 1,5 Gb de Ram, refrixeración líquida e conexións Wifi 54 Mbs e de rede de 1 GB/s e de 10/100, lector de tarxetas, audio usb incorporado e acende xirándolle 45 graos a billa.

 
O colector que pode cambiar a túa vida


Este é un dos colectores que hai ao lado dos xulgados de LaCoru. Luísa pasaba por alí e paraouse a ler a letra pequena, neste caso un anuncio duns avogados -Vivaldi, nada menos- que nos regalan o texto que podes ver na foto inferior.



Xenial, Luísa, e sorte no concurso dos aduaneiros.

 
Parte médico
No post anterior dábase conta do precario estado de saúde de Pipotinho. Onte pola tarde, e a pesar de ser o día consagrado á oración e o recollemento, o equipo médico procedeu a revisar concienzudamente o funcionamento do ciberpipo e comprobou que, a pesar da alarma xerada polas indicacións recibidas nun primeiro momento, as secuencias de arranque eran correctas e as temperaturas de placa e do micro axustadas. O sistema operativo non era quen de iniciarse correctamente, de modo que se optou por facer unha reinstalación de recuperación que se desenvolveu sen incidencias.
A eficaz actuación do cadro médico e as enormes ansias de vivir de Pipotinho foron as claves da súa espectacular recuperación. Queda pendente o esclarecemento das causas do ocurrido. As sospeitas diríxense agora mesmo a un dispositivo inalámbrico USB.



Debemos confesar que, dado o estado de consternación provocado pola saúde de Pipotinho, o equipo médico non puxo impedimentos para que o fervor popular tivera ocasión de manifestarse. Así, e antes de comezar o labor de diagnose por parte dos doutores, unha comitiva depositou sobre o Pipotinho un prato conmemorativo da IV Festa da Nai -festa teense de proxección mundial-, para propiciar que a enerxía positiva de Armando Blanco impregnase todos e cada un dos recantos do ordenador enfermo.
Desde aquí queremos agradecer as mostras de ánimo que nos foron achegadas en momentos tan difíciles.

 
Pipotinho na UVI
Andaba eu intentando levantar o ánimo para recuperarme da irreparable perda de Papuchi cando o teléfono me trouxo outra mala nova: Pipotinho está gravemente enfermo. Prende pero non arrinca, non dá nin entrado na BIOS, apágase só... Malos síntomas son eses, meu deus!
Hoxe pola tarde, se podo, terei un encontro con el para revisalo. Probarei as pezas básicas (placa, micro, fonte de alimentación, memoria) para ir descartando posibilidades.
Esta é unha operación rutinaria en condicións normais, pero no caso de Pipotinho danse varias circunstancias que a complican. Por un lado, é difícil acceder a todos os compoñentes como se fose un PC calquera, xa que Pipotinho está montado coma un puzzle. Pola outra, tanto a placa base utilizada como o micro están agora mesmo fóra do mercado, de maneira que haberá que probar, se é o caso, outra combinación que encaixe igual de ben nun chasis tan especial coma o de Pipotinho (condición obrigada: tarxeta VGA integrada en placa).
Cando haxa novidades poñerei un parte médico.
 
Enredos e redadas
A nova teima de Falabarato chámase Florinda Campoamor, a (a/o/os/as?) humorista que colabora na gloriosa última páxina de El Correo Gallego. Este é o suposto chiste publicado na edición de hoxe.
Falando da utilización da palabra suposto, tan recurrida ela, creo que paga a pena reparar neste artigo de La Voz de Galicia de onte, edición Deza-Tabeirós, no que se di que movilizan a los efectivos de Silleda por unos contenedores calcinados. De calquera xeito, o articulista dá mostras de prudencia infinita ao afirmar que o calcinamento dos colectores do lixo se debe a un supuesto incendio.
Rematar rematarei cunha referencia á prensa nacional, a ver se vou compensando a miña tendencia natural ao hiperlocalismo. A foto que publico está recollida da edición de hoxe de El Periódico Extremadura e aporta unha valiosa testemuña gráfica de cómo se fai unha redada policial nun clube de alterne.