Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Ramonsín
Esta historia pasou haberá cinco ou seis anos. O escenario: o bar O Nervioso de Camporrapado (provincia de A Coruña). O protagonista: o dono do bar, tamén apodado O Nervioso. Os feitos: O Nervioso abre unha carta que acaba de recibir. Na misiva -hasme perdoar, pero encántame esta palabra tan cursi-, a SGAE aprémiao ao pago do canon polo uso público da televisión. O home abre a carta e tan pronto a le pega un berro seguido de tremendos exabruptos. Un pouco despois, xa máis calmado, chega o momento da reflexión: "E para quen son estes cartos? Para o Ramonsín!!!". E volta a empezar.
Pois Ramonsín está de moda. Que se liortas coas vacas sagradas, que se espantá no Viña Rock... O caso é que este home está na pomada. O mellor exemplo, para min, é este.
 
Karpín
Unha cousa é Karpin, o ex-futbolista ruso que agora está volcado nos grandes negocios, e outra Karpín, o palleirán que teñen meus pais. Xa superados aqueles tempos nos que os cans de palleiro vivían presos a unha cadea, o noso Karpín sae de paseo para gozar das delicias do campo e, por suposto, ir marcando o territorio.
A gravación que che ofrezo foi realizada onte, último domingo de maio, e houbo que esperar ata ben entrada a tarde para poder saír da casa sen morrer co calor.



NOTA: Para velo con máis calidade, mellor a versión Quicktime que subín a Castpost. [aquí] Iso si, lento lento lento...
 
Músicas
Acabo de facer un percorrido polos meus blogs favoritos e atopei unhas referencias musicais que, con permiso do Rabudo, vou ligar para deleite de melómanos e da afición en xeral. O trobador en cuestión chámase Edilberto Alonso e cántalle, sen cortarse un pelo, a Anxo Quintana [aquí] ou a dona Letizia [aquí].
Xa que estamos a voltas coa música, aproveito para recomendarche unha xenialidade: o vídeo da actuación dos representantes lituanos na última edición do festival de Eurovisión. Non te quedes só coa posta en escea; a letra tamén merece a pena.
 
Viaxe de fin de curso no Deza
Hai uns días que saía nunha conversación, quen sabe a santo de que, o tema das excursións escolares de fin de curso e alguén me dicía que a el lle parecían un asunto do pasado, de cando a xente só se movía en contadas ocasións e en momentos claves (a mili, a viaxe de noivos...). A verdade é que me pareceu unha apreciación moi cabal.

Pouco despois desa conversa atopei no xornal a crónica dunha viaxe de estudos que rematou polas bravas, nin máis nin menos que cun dos dous profesores acompañantes abandonado polo resto da expedición despois de que manifestase síntomas de padecer un trastorno psíquico agudo. Na medida en que avanzaba na lectura do artigo de La Voz de Galicia e ía vendo as posicións adoptadas polas distintas partes tiña a sensación de estarme adentrando no lado escuro da condición humana.

Hoxe publica La Voz un artigo de opinión que aporta unha visión diferente do asunto. A pesar de estar terriblemente mal escrito (mágoa que o xornal non lle dera un repasiño ao estilo e lle correxise as faltas), este artigo é un soplo de aire fresco no medio dunha situación que propicia actuacións demagóxicas e oportunistas.
 
O batán
Estes días vai de vídeos este blog.
O de hoxe é un acto de homenaxe a meu pai, capaz de facer o que sexa para apartar os voraces paxaros das marabillas da horta.

 
As cereixas de Belesar
Moito máis ricas cás do Jerte.

 
Compañeiro de piso
Vino hai uns días, fuxindo a toda mecha pola casa adiante a horas moi intempestivas. Hoxe pola mañá oín ao levantarme uns ruídos que procedían da despensa que teño na cociña. Entrei e enseguida vin o panorama: o compa de piso andivo dando voltas por alí e caiu nunha bolsa de papel plastificado bastante grande.
Dinlle unha galletiña para que fose repoñendo forzas mentras o trasladaba a un novo hábitat. A rodaxe da operación tela abaixo:

 
Barça
Oe oe oe oe oe oe



 
O sindicalista
Pasa un home polo corredor. María, unha silledense que fai aeróbic (lenta, no-tan-fuerte, di ela), taichi e bolillos, pregúntame por el. Quere saber quen é.
-María, este home é sindicalista.
-E que é ser sindicalista?
-Mírao en internet e despois cóntasmo, respondo evasivo.
Despois de consultar internet volve á carga con longuísimas definicións que non entende. Tócame pasar á acción e regálolle un comentario facilón:
-María, os sindicatos son asociacións que se dedican a coidar dos intereses dos traballadores. Por eso viches a este mozo falar coas señoras da limpeza.
Préndeselle unha luz a María e córtame:
-Ah, entón é como eses señores que van cun maletín a venderlles cousas ao médico...
Non sei que responder. Calo e río.
 
Xente sen complexos
Hoxe preséntoche os espazos web de dous políticos do país:

-Político 1. Non deixes de ver os álbumes de fotos e, moi particularmente, unha na que o rexidor se rodea de exuberancia de ultramar.

-Político 2. O mellor, o vídeo de Ronaldinho que podes ver no fondo da páxina.
 
Polvo
O profesor A fala co profesor B. Tema: a marabillosa experiencia de asistir, xa hai anos, ao parto dunha filla.
A: Non te podes imaxinar o que significou para min ver nacer a miña filla.
B: (Aporreando o teclado dun PC) Imaxino que deber ser algo único.
A: É que unha cousa é dicilo e outra estar alí e vivilo.
B: (Sigue aporreando o teclado) Xa...
A: Saber que nese momento está vendo a luz un ser que ti axudaches a crear...
B: (En proceso de desconexión) Si...
A: Sabes? O máis curioso de todo isto é pensar que dun polvo poida saír unha persoa.
 
Deseño gráfico


Esta foto foi feita nunha carballeira dun lugar do concello de Agolada, na estrada que vai desde Brántega a Lalín.
 
Xirimbao
Xirimbao é un couto salmoneiro do Ulla. A un lado queda Teo, ao outro A Estrada.
O sábado estiven alí.


Powered by Castpost
 
Por terras de don Armindo
Armindo Iglesias é o cura párroco de Vedra e Lestedo. Levaba anos sen saber del, case tantos como os que a folla parroquial que el dirixía deixou de chegar á casa de meus pais. Non sei se con aquela publicación logrou a conversión de moitas almas, pero si consolidar unha fama que o levou a obter, por exemplo, o premio Alacrán na edición de 1999.
O que me contaron hoxe sucedeu estes días. Unha tía miña, enferma desde hai bastante tempo, recibiu unha chamada de Armindo Iglesias na que se interesaba polo seu estado de saúde. Ela díxolle que as súas doenzas a incapacitaban para saír da casa e el, moi cortés, ofreceuse a facerlle unha visita. Chegou, falou con ela e deixoulle un lote de material composto por uns libros, un calendario deses aos que se lle arrinca unha folla cada día e unha radio. Todo por 25 euros, unha ganga.
Miña madriña, que foi quen me contou a anécdota, comentou que miña tía comprou o lote e quedou moi contenta: non tiña radio.
Aproveitando que estamos en Vedra, un vídeo da miña visita a Ximonde. Recén saído do forno. E de balde, claro.


Powered by Castpost