Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Xabaríns
Estes días apareceron. Claro, o millo medrou e foi collendo un punto interesante que invita ao exceso a estes seres sen escrúpulos.

 
De Teais a Husqvarna
Xa case non queda ningún daqueles carteis de folla de lata nos que podía lerse que "todo dura máis pintando con Teais". Tampouco quedan moitas daquelas chapas coas que Alfa-Laval promocionaba as súas ordeñadoras. Na miña casa, por certo, a única ordeñadora que houbo foi desa marca.
Pasou o tempo e chegou a era Husqvarna, que está empeñada en que nos armemos ata os dentes de material bélico.

 
Deporte olímpico
Cando vexo a meus pais en pleno manexo da paleta matamoscas doume conta de que se trata, por enriba de calquera outra cousa, dunha práctica deportiva á que se entregan con moito entusiasmo e non pouca pericia. Non será unha actividade tan glamurosa como outras, vale, pero estou convencido de que, se se dan as circunstancias, pode chegar a formar parte do catálogo dese abigarrado conxunto de deportes raros que nos ofrecen as televisións de todo o mundo.
O caso, para min paradoxal, é que tivemos que superar moitas etapas ata chegar a este alto grao de simplicidade. Lembro unhas poucas: a da cinta pegañenta, a dos sprais múltiples que marean, a dos aparellos que se conectan á corrente e repelen a bichería, a da lámpada que, de cando en vez, fai soar un chasquido para indicar que acaba de cobrarse unha nova vítima... Ao remate vai ser que, como tantas veces, a solución chega da man dun aparello de plástico que che venden no bazar da esquina.
Se algún día se fai realidade o meu vaticinio (aviso: non teño boa visión de futuro) e o matamoscas é deporte oficial e, xa postos, olímpico, confiemos en que non lle falten valedores no xornalismo para popularizalo axeitadamente. Ogallá contemos con cronistas tan apaixoados por este novo deporte como, por exemplo, o é Otilia Seijas polo ciclismo [ver artigo de opinión de El Correo Gallego]. Unha sorpresa mesmo para os que a seguimos -literaria e xornalistaicamente, aclaro- desde moito tempo atrás. Para o cargo de adestrador propoño a este.
 
Nabiña de col
Seguimos con vídeos. No de hoxe podes ver o desenvolvemento da malla da nabiña de col. Os de Teo sómosche así, igual nos dá por unha malla que por unha enchentaza.

 
Días de calore
Domingo pola tarde. Miro o termómetro e dime que estamos a 36 graos á sombra. Meu pai, sensato el, está botando unha siestiña na parte máis fresca da casa, a que durante moitos anos foi a adega. A min dáseme por coller a cámara e gravar a desolación xeral producida pola fogaxe. Sen embargo, non estou so: Antonio, seguramente farto de aguantar varios días a dichosa vaga de calor, colle carretera arriba a ver se atopa alguén que estea botando a partida.



 
Ronaldo
O Ronaldo de Camanzo (Vila de Cruces) pasa a vidiña ao carón da igrexa.

 
Vacas


Enterácheste de que no Luar levaron a cabo a elección de Miss Vaca Galicia 2006? Eu veño de atopar hoxe unha reseña que me trae algo desconcertado polo uso indistinto que se fai de vaca e besta.
Gañase quen gañase o concurso, seguro que se trata dun animaliño manso e agarimoso que se deixa levar pola corda sen opoñer resistencia. Un animal, por tanto, en perfecta sintonía co tópico co que se nos recoñece por aí adiante aos/ás que pacemos por estas terras. Pero mesmo unha actitude tan pouco belixerante como a que encarna a vaquiña pode resultar molesta para algunha xente cando se reinterpreta politicamente.
De calquera xeito, a nosa devoción pola vaca débese, por enriba de calquera outra consideración, a cuestións prácticas. Por sorte, o argumentario non fai máis que medrar.
 
Testosterona
Unha das cousas boas da miniaturización dos recursos tecnolóxicos é que podes ir á tasca do lugar, deixar enriba da mesa unha cámara de fotos que colle na palma da man e gravar vídeo sen que ninguén se sinta observado.

 
Os informáticos e o bacallao
O 30 de xuño participei nunha cea espléndida. Festexábase o remate da tempada informática de Silleda e había que facelo con alegría. O lugar elixido foi o restaurante O Pote, que queda en Piloño, no concello de Vila de Cruces. Moi recomendable o sitio, por certo.
O vídeo que se adxunta resume a velada en tres minutiños. Os seus autores: Lucía, estreando a súa cámara dixital, e Iván o Deportivista e Antonio de Lamela coa videocámara.
Eu, ademais de pasalo moi ben con esta xente tan xeitosa, fun agasallado cun reloxio chulirrrrrrmooo!!! Bueno, e Iván o Deportivista tamén saíu todo contento coa súa camiseta. Faltaba María, pero que saiba que nos lembramos moito dela.