Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
O Verbo Xido
O Verbo Xido é unha xerga que empregaban os arginas (canteiros) para entenderse entre eles. Como é lóxico, cada vez é máis complicado dar con alguén que a coñeza e sexa quen de usala con soltura.
Manuel é unha destas persoas. Aos seus oitenta anos, este home aínda traballa a pedra no seu taller (ou chiringuito, como lle chama el). Vive en Cortegada (Silleda) e aceptou porse diante da cámara para falar do Verbo e de moitas cousas máis.
Esta gravación non tería sido posible sen a axuda de Cachafeiro, amigo de Manuel, amigo meu e dono do Seiscentos máis bonito que teño visto (aquí che deixo as probas).

 
Pedro e a viña
O viño é cousa seria. Unha proba: abre o Refraneiro galego (Xesús Taboada Chivite) e verás como a palabra viño conta con 264 entradas; ben máis de unha por páxina, por certo.
Chega xaneiro e, polo menos en Cachóns, é tempo de andar na viña. Hai que ir cortar os vimbios, amañalos, podar, retirar as vidras e atar. Son tarefas que non supoñen grande esforzo físico, anque cansan, de maneira que quen se pon a elas ten todas as papeletas para acabar morto de frío.
O sábado pasado fixo un día morniño que non parecía de xaneiro. Pedro aproveitouno para podar e atar un anaco de viña alta de detrás da casa. A min tocoume facer de pinche e cargar as vidras para levalas á leira. Na radio (meu pai sempre a leva prendida) falaban de Capello e da crise do Madrid...

 
Silleda ten un pintor...
Estes días conseguín facer facer realidade un proxecto que xa levaba o seu tempo na sala de espera: a dixitalización de dous vídeos en soporte VHS nos que se aborda a figura do pintor Manuel Colmeiro Guimarás.
O primeiro deles é unha entrevista de algo menos de media hora emitida por TVE-Galicia no ano 1999, poucos meses antes do falecemento de Colmeiro. O segundo recolle o acto de homenaxe ao pintor que tivo lugar no Instituto de Ensinanza Secundaria Pintor Colmeiro (Silleda) en xuño de 2001. Neste caso, as imaxes foron gravadas por Canal Deza.
Unha vez localizados os orixinais (grazas, Fernando) e dixitalizados (grazas, Miguel), elaborouse un DVD para a súa distribución a moi pequena escala. De calquera xeito, se queres unha copia só terás que mandarme un correo (xdafonte@yahoo.es) e comprométome a buscarme a vida para remitircha.
Para abrir boca, deixo dúas ligazóns:
1. Un extracto da entrevista [aquí].
2. O acto de homenaxe a Colmeiro do 2001 [aquí].
 
Pragmatismo
Esto que vou contar aconteceu hai pouco na terra da torta de millo. Unha muller achegouse a unha carpintería da localidade coa seguinte encomenda: Preciso que me fagades a miña caixa de difunta. Así xa a deixo pagada e podo aproveitala, ata que me toque morrer, como armario roupeiro.
Non me importaría facerlle un vídeo a esa ciudadana con tal espíritu práctico.
 
Aninovo
Veño de colgar no YouTube dous vídeos de aninovo. O primeiro contén imaxes gravadas na miña aldea na mañá de onte, día un de xaneiro [aquí]. O segundo graveino despois do xantar e recolle unha escea que xa tiña gana de rexistrar algún día: a pelexa de miña nai co encrucillado de La Voz de Galicia.