Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Epopeia dezá
Aproveito estas entrañables datas navideñas para facer unhas reparacións informáticas de certa envergadura no meu lugar de traballo.
Desguazo algúns equipos xa caducos, aprovéitolles aqueles elementos que me parecen aínda útiles e desboto o que xa non vale máis que para ocupar o sitio que non temos.
E que hei facer con toda a chatarra? Haberá que buscar un xeito de desfacerse dela que asegure a súa correcta xestión medioambiental, un problema de crecemento exponencial no que non se está a cavilar nin traballar o suficiente.
Chamo ao Concello de Silleda, que é o que toca. Nada, non teñen ningún servizo de recollida desta caste de obxectos. Alguén me di que chame a Lalín, que alí teñen un Punto Limpo. Así o fago e infórmome dos horarios. Cargo o coche de cacharrada e tiro cara o Punto Limpo, que é unha oficina pequena que dá a unha explanada con diversos colectores. Chego, identifico a procedencia do material e a empregada dime que daquela non, que para deixar alí o lixo cómpre ser de Lalín e que non valen enganos pois piden o documento de identidade. Explícolle que levo alí os ordenadores porque en Silleda non me dan opción. Agora fala un home que tamén está na oficina, vestido cun uniforme de non-sei-que (moito nos gustan os uniformes: en poucos sitios do mundo farás tan feliz a alguén como aquí deixándolle que exhiba un chaleco fosforito). Dime que o que debo facer e deixar todo ao carón dos contedores, para que o Concello de Silleda asuma as súas responsabilidades. Estou tan flipado que marcho cos ordenadores para a casa.
Á mañá seguinte, que é a de hoxe, vou á Ecoplanta de Silleda. Alí atopo de encargado a un vello cliente do meu negocio. Dígolle que teño o coche cheo de restos de ordenadores, que el ben coñeceu hai uns cantos anos cando aínda estaban na súa vida útil. A súa amabilidade exquisita deixa escapar un pequeno xesto de contrariedade. Se son menos de dez quilos, di, non pasa nada. E logo, retruco eu? Verás, é que aquí chega só o dos camións, e iso pesámolo na báscula. Non está previsto que veña por outros medios. Ensíname, mentras me fala, un papeliño que leva na man coas contas que lle vén de botar a báscula a un dos camións.
Xa me vexo levando todo de volta. Grazas a que o encargado me coñece consigo que me deixe arrimar o coche a un gran colector marelo. Entre os dous tiramos a miña cacharrada para que se mesture con restos de cochóns, sillas rotas e todo tipo de enseres.
Marcho aliviado.
 
Comentario:
Kate, deixa a vergoña na casa. Que culpa terás ti? Non creo que, por desgracia, esta falta de sensibilidade sexa un asunto meramente local.
 
Comentario:
Pero que mal está o Deza! Teño que avergonzarme?
 
Comentario:
¡Unha vergoña! Ese tipo de chatarra había que deixarlla diante da casa do pertinente político. Deste xeito, cambiándolle as vistas dende as súas xanelas, quizáis lles cambiaría tamén as vistas dende o seu cerebro cara a sociedade.
No