Deporte olímpico
Cando vexo a meus pais en pleno manexo da paleta matamoscas doume conta de que se trata, por enriba de calquera outra cousa, dunha práctica deportiva á que se entregan con moito entusiasmo e non pouca pericia. Non será unha actividade tan glamurosa como outras, vale, pero estou convencido de que, se se dan as circunstancias, pode chegar a formar parte do catálogo dese abigarrado conxunto de deportes raros que nos ofrecen as televisións de todo o mundo.O caso, para min paradoxal, é que tivemos que superar moitas etapas ata chegar a este alto grao de simplicidade. Lembro unhas poucas: a da cinta pegañenta, a dos sprais múltiples que marean, a dos aparellos que se conectan á corrente e repelen a bichería, a da lámpada que, de cando en vez, fai soar un chasquido para indicar que acaba de cobrarse unha nova vítima... Ao remate vai ser que, como tantas veces, a solución chega da man dun aparello de plástico que che venden no bazar da esquina.
Se algún día se fai realidade o meu vaticinio (aviso: non teño boa visión de futuro) e o matamoscas é deporte oficial e, xa postos, olímpico, confiemos en que non lle falten valedores no xornalismo para popularizalo axeitadamente. Ogallá contemos con cronistas tan apaixoados por este novo deporte como, por exemplo, o é Otilia Seijas polo ciclismo [ver artigo de opinión de El Correo Gallego]. Unha sorpresa mesmo para os que a seguimos -literaria e xornalistaicamente, aclaro- desde moito tempo atrás. Para o cargo de adestrador propoño a este.
Comentario:
A miña xa pasa de utensilios complexos ou sinxelos, simplemente é unhha máquina colléndoas coa man e botándoas pola ventá para fóra. Terá unha categoría dentro deste futuro deporte olímpico? Inda había quedar contentiña cunha medalla ó mérito.
Comentario:
Pois a miña nai fai coas moscas como os israelís cos palestinos. E cada éxito celébrao co mesmo triunfalismo.
Comentario:
Para ese deporte olímpico, apúntase tamén a miña nai, que por certo, é boísima.