Falabarato
Xa é sabido que o falar non ten cancelas...
Acerca de
A foto non é moi actual, pero é que en moitas cousas non cambiei desde aquela. É unha foto que me encanta pola cara que se lle queda a miña nai.
Sindicación
 
Onde carallo está Marzalino?


Acaba de saír o seu número no sorteo e tocoulle un premio, pero Marzalino non aparece. O home do micro impaciéntase: Onde carallo está Marzalino? Non é, todo hai que dicilo, o primeiro carallo que sae desa boca. Son as cinco da tarde e xa van uns cantos. Un euro por cada carallo pronunciado por ese home e facémonos ricos.
Isto que acabas de ler pasaba hoxe, último sábado de maio florido, na romaría da terceira idade do concello de Teo, xusto a uns 30 metros da ventá do meu dormitorio, mira que casualidade. O escenario xa o coñecemos: megacarpa, polbo, banda de música, empanada, misa, café de pota (con ou sin ghotas), mesa presidencial, discurso final, baile, sorteos... O home do micro era o sin par Armando Blanco, rexedor teense e gran festeiro (a foto, por certo, é de hoxe). Xuro que botou largando por esa boca durante varias horas. O tema era o de menos para quen tantos recursos atesoura: concursos por aquí, agasallos por alá, agradecementos a todo bicho vivinte, carallo por alí e carallo por acolá...
A vida do xubilado, xa dura de por si por obvias razóns, complícase sobremaneira cando soan as trompetas da precampaña. Daquela todo son tentacións gastronómicas. Xentes que aínda lembran os tempos da fame da súa mocidade vense agora abocadas a unha inxesta descontrolada de polbo, empanada e carne ao caldeiro, os símbolos patrios por antonomasia (para cando a súa incorporación á bandeira azul e branca?). Moita preocupación institucional pola obesidade infantil, con estatísticas incluídas, e aos vellos reventámolos a base dunha dieta a todas luces inapropiada. Que voten, pensarán os estrategas, e despois que reventen. Por iso me solidarizo con Marzalino, que ao mellor aínda non acabara de metabolizar a enchenta de Silleda de hai menos dunha semana e xa ten un premio que o espera: unha cea nun restaurante do concello para el e un/unha acompañante. Así e todo, moi duros che somos...
No