Ilusións de tempos mortos

Érguete do teu escuro leito de inquedanzas ...
Berra, berra e fai que a túa voz
resoe en cada recuncho,
que entre na alma das árbores,
que rompa a desolación da terra.
Dos homes de pedra
fai area fina e clara,
fai da vida a morte da soidade.
Une os teus pensamentos ós do vento
e sente que os seus sopridos
abanean o teu espírito,
que a confusión son só nós
de auga limpa
enguedellados polo destino.
Bate, bate nas dúbidas
coma as ondas do mar na beira
e desfaite en escuma de esperanza
para volveres ser ti
e atoparte de novo nun todo.
Loita, loita contra a eternidade
e fai do infinito un segundo,
da realidade un espello opaco ....
Refléxate nela, ¿que ves?
Nada, son soños.
Chora, porque as bágoas son auga de vida
que alimentan a consolación,
fertilizan o camiño do tempo
e dan crenza ás feridas
das mans escravas.
Réndete ante o son dunha gargallada,
ante o orballo que esvara polas follas,
ante cada raio que acariña o teu rostro,
ante cada momento de inquietude
e de resposta doce ou agria.
Sente o roce áspero da amargura,
as queimaduras provocadas pola paixón,
a suavidade dun agarimo,
a desaparición da última chama de vida
que latexa desesperadamente.
Escurece coa posta do sol
e desfruta da noite da razón
porque só cando ela dorme
comeza a luz,
comeza o vento,
comeza a auga,
comeza a vida,
remata a morte.
Comentario:
bueno, bueno, bueno... precioso como siempre! me encanta como escribes...
ey! no dejes de pasarte por mi blog, que tengo muchas novedades!
ey! no dejes de pasarte por mi blog, que tengo muchas novedades!





