Blogs.ya.com Quitar publicidad
A arte é unha arma cargada de futuro.
Sindicación
 
Encadeados...

A ROSALÍA

Non convén chorar máis.
Ela chorou por todos e para sempre.
Calemos...
Eu véxote así:
crespós nas estrelas,
ollos abertos de nenos mortos cravados nas salas do pazo

Calemos...
Nos currunchos acendéronse os altares do silenzo;
choiva de frores de estameña nos tristes pasadelos.
Coa túa boca torta chamas a mortos
e náufragos dende a solaina,
antre a brétema, en serán infinda.

Delantal de camposanto e campás antre mar e brétema;
barco negro e morto no camiño;
pómulos marelos deformes pola door;
balcón endexamais aberto cheo de paxaros e follas secas;
seios exprimidos hasta a derradeira gota de luz;
maos antre mirto e lúa, debaixo da auga verde do estanque.

¿Qué fas na serán que está esmorecendo sempre
ou na noite que endexamais se rematará ?
Sin corpo, sin traxe, sin bruído,
coroa de somas, música de pianos enloitados...
(Chove sobor das rosas e da escalinata do pazo).

Sombra do aire na herba. Luís Pimentel



POSTURAS PRA COPULAR EN HOMENAXE

Ponte de luz, carbón, pólvora e ollos
negros de nenos mortos cravados nas salas do pazo.
Ponte de corazón, ladrillo, fósforo
con cincocentas espirais pra lle chegar ao verde cume e excusadas sedas.

Ponte de mar, estrondo, primavera
e mans estremecendo o vaso, amante, no que cantan as sedes doutro tempo.

Ponte de contemplar, amor, antigamente
e docísimamente e perder coma vidas alleas e tirar coa chaqueta cada día.

Ponte de ponte; ponte, amiga, en ponte
estrangulando o río no que muxo e urro con carballos, follas.
Ponte para saír a saia nova
e, tan cursi polo xardín , naceranche nos ollos lúas (...)

Con pólvora e magnolias. X.L. Méndez Ferrín


LIED OHNE WORTE
Aboia un esbardar de marusías
tentando os ceos sen atopar a Lúa

Pero a Lúa esta noite
desertou do almanaques

Murcha entre dúas flores
-violetas pensamentos-
do manual póstumo
-outono de madrigais-
que versifiquei eu

Mansas vagas unánimes
reorganízanse detrás do vento

Cando pase a rafega derradeira
diranos adeus
co pano branco do gaf-tope

Alude a un fracaso
de follas amarelas
e renóvanse o sonriso dos mastros
sempre coas ponlas novas e xoviais

Noiva miña
vestida de Lúa
que romantizas
tan cursi
polo xardín

Senteime a proa
fumando a miña pipa
Pero outra noite pensei en ti


De catro a catro. Manuel Antonio