logotipo

img_google
Blog da EPA de Silleda
IES Pintor Colmeiro
Acerca de
Blog da área de educación de persoas adultas do IES Pintor Colmeiro (Silleda - Pontevedra)
Ligazóns
Blogs dos amigos
Algunhas webs
Sindicación
 
Hai alguén que te está mirando...
Falamos un día destes da facilidade coa que se pode atopar en internet material fotográfico e videográfico no que se utiliza a imaxe de persoas que non teñen nin idea desa circunstancia.
Mentras comentabamos este asunto, que ten a súa tela, collín a miña cámara fotográfica dixital e púxena a gravar en modo vídeo. A pesar de non ser unha "súper-cámara", de non ter trípode e de haber pouca luz ambiente, o resultado é suficiente para demostrar que se poden facer vídeos con poucos medios técnicos e coa axuda dun pequeno retoque feito no ordenador.
Nota: os protagonistas deste vídeo son coñecedores da súa existencia; é máis, xa viron as imaxes "en bruto".

 
Volver


Pouco a pouco vanse botando a andar todas as actividades que completan a oferta educativa que o IES Pintor Colmeiro pon a disposición da poboación adulta da bisbarra.
Estes días xa se estrearon os alumnos e alumnas de PGS (programa de garantía social) e de Nivel III de EPA. Agora é o momento de empezar o curso de Iniciación ás Novas Tecnoloxías.
Despois do éxito de participación destes últimos anos, o IES Pintor Colmeiro tira a casa pola ventá e amplía horarios para poder atender mellor a todas aquelas persoas que desexan asistir a este curso. No momento de formalizar a matrícula (que é un trámite moi sinxeliño), o alumno/a pode escoller o grupo que mellor lle conveña entre estes tres que ofrecemos:

GRUPO I: Mércores e venres (de 16:40 a 18:20).
GRUPO II: Luns e xoves (de 19:30 a 21:10).
GRUPO III: Luns (de 16:40 a 18:20) e martes (19:30 a 21:10)


Resérvase tamén un horario que, aínda non sendo de clase, si servirá para que calquera alumno/a utilice a aula de informática. Este horario de atención estará disponible os martes (18:40 a 19:30) e os mércores (18:40 a 20:20), baixo a supervisión da profesora Isabel Soto.

Lembra que estamos a falar de actividades de iniciación ás novas tecnoloxías, polo que serás benvido/a partas do nivel do que partas.

Benvido, benvida.

 
Probas para a obtención do graduado
A Consellería de Educación publica hoxe unha resolución pola que se convocan as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria para maiores de 18 anos nas convocatorias de xuño e de setembro de 2006. Pincha nesta ligazón para ver o contido íntegro.
 
Perderlle o medo ao rato


Os alumnos e alumnas do programa de garantía social convertíronse en xornalistas por un día. Recibiron o encargo de preparar unha batería de preguntas para entrevistar a Carmen, a alumna máis veterana do centro cos seus setenta e uns pouquiños anos.
Carmen contounos algunhas cousas da súa vida. Falounos dos trinta e cinco anos que pasou de modista en Euskadi, de todas as actividades nas que está metida (entre outras, curso de pintura e Coral Polifónica) e, por suposto, comentou a súa andaina como alumna do curso de informática para persoas adultas que se imparte no IES Pintor Colmeiro. Os primeiros pasos, recalca ela, foron un pouco duros, e iso que contou co apoio da súa xente, que non deixou de animala. Nunca antes manexara un ordenador e durante un tempo tivo que batallar cun rival duro de pelar: o rato. Pero iso foi ao comezo, porque agora xa se manexa con soltura escribindo os seus textos e lendo a edición dixital do xornal, que é probablemente a actividade que máis lle gusta de todas cantas leva a cabo nas clases.
Na foto aparece flanqueada por dous dos xornalistas que a entrevistaron. Sae con xesto serio, pero é unha muller con moito sentido do humor, o suficiente como para afirmar que non quere ter un ordenador na casa conectado a internet por medo a enviciarse.
 
Setenta veliñas


Esta é Josefa, unha muller que acaba de cumprir setenta aniños. A nosa Josefa é unha das alumnas máis veteranas do IES Pintor Colmeiro e, sen dúbida, é tamén un exemplo de bo humor e alegría de vivir.
Tocoulle criarse nun tempo de guerras e postguerras que a maioría de nós coñecemos tan só polo que outros nos contaron, que é algo moi distinto a sufrilo na propia pel. Agora, despois de coidar da familia e da explotación gandeira que lle foi dando de comer ata a xubilación, goza do seu tempo libre asistindo ás actividades que lle interesan e escribíndolles correos aos netos, que aínda non o acaban de crer ("Abuela, eres la caña", dille nun correo Marta, a súa afillada).
Esta é unha homenaxe a Josefa e, en realidade, a todas as persoas que, coa súa asistencia, fan posible que a sección de educación de adultos do IES Pintor Colmeiro se manteña viva.
A todos e a todas, boas festas!!!
 
Cada vez máis
Este artigo do xornal compostelano El Correo Gallego é un bo exemplo da progresiva importancia que está a cobrar na nosa sociedade a formación dirixida á poboación adulta.
 
As opcións do PGS
O seu nome é Juan, pero el quere que lle chamen Jova. O ano pasado chegou ao IES Pintor Colmeiro para facer o noso programa de garantía social, despois de cursar -que non estudar- varios anos da ESO.
Ao igual que os seus compañeiros, Jova sabía que o PGS do noso centro é unha chave que abre varias portas: a do mundo laboral, a do ensino para persoas adultas e a das probas que permiten acceder directamente aos ciclos formativos.
Chegado o momento, Jova presentouse a esas probas de acceso a ciclos e superounas. Agora, uns meses despois, está matriculado no ciclo medio de comercio e ten na súa man todas as opcións para obter unha titulación, a de técnico, que lle abre as portas para incorporarse en boas condicións ao mercado laboral.
Cómpre dicir que, ademais de Jova, houbo dous alumnos máis do noso PGS que superaron esas probas: Manuel e Xavi. Ogallá aproveiten esta oportunidade.
 
Nivel III


Estes mozos e mozas son o noso alumnado do nivel III de educación de persoas adultas.
Agora mesmo están a cursar o módulo 3, que equivale a 3º da ESO. En febreiro pasarán ao módulo 4, o equivalente a 4º da ESO. En xuño, vacacións e, esperemos, título de graduado en educación secundaria.
 
PGS


Pode parecer que PGS é unha errata e que o que realmente quixemos escribir foi GPS. Pois non foi unha errata, porque PGS é o acrónimo co que nos referimos a unha actividade formativa que se oferta no noso centro e que se denomina, con todas as letras, programa de garantía social.

No noso centro desenvólvese un PGS denominado Servizos auxiliares de oficina.

Para informarte a fondo sobre o que é un programa de garantía social e as posibilidades que ofrece, o mellor é que vaias a este enlace.

Se queres saber que programas de garantía social se ofrecen nos centros de ensino públicos galegos, pincha aquí.
 
Dous dos nosos artistas


Aquí che presentamos a María e a Iván. Atoparalos en Silleda, por suposto, pero tamén na rede. Agárdante na sección de enlaces desta bitácora.