Perderlle o medo ao rato

Os alumnos e alumnas do programa de garantía social convertíronse en xornalistas por un día. Recibiron o encargo de preparar unha batería de preguntas para entrevistar a Carmen, a alumna máis veterana do centro cos seus setenta e uns pouquiños anos.
Carmen contounos algunhas cousas da súa vida. Falounos dos trinta e cinco anos que pasou de modista en Euskadi, de todas as actividades nas que está metida (entre outras, curso de pintura e Coral Polifónica) e, por suposto, comentou a súa andaina como alumna do curso de informática para persoas adultas que se imparte no IES Pintor Colmeiro. Os primeiros pasos, recalca ela, foron un pouco duros, e iso que contou co apoio da súa xente, que non deixou de animala. Nunca antes manexara un ordenador e durante un tempo tivo que batallar cun rival duro de pelar: o rato. Pero iso foi ao comezo, porque agora xa se manexa con soltura escribindo os seus textos e lendo a edición dixital do xornal, que é probablemente a actividade que máis lle gusta de todas cantas leva a cabo nas clases.
Na foto aparece flanqueada por dous dos xornalistas que a entrevistaron. Sae con xesto serio, pero é unha muller con moito sentido do humor, o suficiente como para afirmar que non quere ter un ordenador na casa conectado a internet por medo a enviciarse.





