logotipo

img_google
Diarios de mis viajes
Diario de los viajes que buenamente puedo ir haciendo.
Acerca de
Bueno, esta es la foto que figura en mi pasaporte actual, así que supongo que es bastante acertado ponerla aquí. Agradezco cualquier comentario, así que no os cortéis, porfa, que si no me parece que no lo lee nadie :-D
Sindicación
 
Reencontros
[Hoxe a crónica vai en galego, porque me toca escribila tamén para o blog de IND. Se o queredes visitar, o enderezo é www.implicadas.blogspot.com]

As dez e media da mañá comeza o goteo de integrantes do proxecto da SIDA/VIH. Esta é unha iniciativa de PDI financiada por USAID, na que IND non participa, pero si está interesada. PDI traballa en 60 suburbios, cunha poboación total de 70.000 persoas e unha poboación obxectivo de 60.000. Mentres vai chegando o grupo con que nos imos entrevistar, Bobby, a coordinadora do programa e xa amiga nosa, explícanos en qué consiste o proxecto que, por certo, rematou hai dous meses, polo que o persoal está traballando de balde mentres non se atopa financiamento para iniciar un novo. E iso que se trata dun proxecto modelo, ao que acoden para aprender e replicalo traballadores de numerosas organizacións.

Tras unha pausa para o cotián té ou café, ímonos reunindo con representantes das diversas facetas do proxecto: beneficiarias infectadas do VIH, que actualmente, grazas a xestión de PDI están a recibir tratamento con antirretrovirais e suplementos alimenticios; educadoras e educadores de rúa, que, co seu traballo voluntario, axudan a difundir no seu entorno as prácticas preventivas e paliativas; e os coñecidos como eunucos, homes homosexuais que se ven obrigados pola sociedade a levar unha dobre vida como homes e como mulleres e que acaban case invariablemente no mundo do comercio sexual. As súas perspectivas sobre o proxecto e a enfermidade son diferentes, pero todos coinciden nun punto: o medo, o tabú e o illamento que envolve a SIDA e o VIH, dende ás persoas que a padecen ata as que loitan por erradicala. Tanto preguntamos que se nos bota o tempo enriba: as dúas e media da tarde. Tardísimo, tendo en conta que adoitamos comer á unha... e os nosos visitantes tamén.


[A foto pretendía ser só á casa, pero apareceu un neno da nada. A verdade é que a mellorou]

Ducias de nenas e nenos envólvennos cos seus corpiños e os seus berros nada máis baixar do microbus. En Keela Krishnan Kovil Pattu hai só 4 anos que se implantaron as medidas de control de natalidade e nótase. A cativería ri e tolea ante tanta cámara xunta. Nunca tal cousa viron. Trepan por Marcos e Tito, os nosos cámaras e fotógrafos particulares, que están recollendo todos os momentos do Vanakkam, e a tolemia chega a tal punto que temos que dividir o grupo en dous, porque así non hai xeito de entrevistarse con ninguén.


[Tito, rodeado duns poucos nenos, despois da división da morea inicial]

Uma, a traballadora sanitaria (en realidade o seu nome é máis longo, pero somos incapaces de lembralo enteiro), conduce ao grupo para o que me toca traducir á minúscula casa dunha beneficiaria. Cando entramos, preocupada por sentarme de xeito que collamos as sete persoas adultas e os dous meniños que pretendemos meternos dentro, non reparo na dona da casa. Por iso a miña sorpresa é maior cando me viro cara a ela e recoñezo unha cara familiar que me alegra moitísimo ver: ¡Rani! Rani foi unha das primeiras animadoras do proxecto, traballo que deixou para ter dous meniños, e agora, xunto con tres compañeiras máis, pediu un crédito para iniciar un negocio de fabricación de incenso e produtos de limpeza. Levan so dous meses, mais polo de agora vailles ben a cousa. Pero Rani non se conforma con pouco, quere o mellor para ela e a súa familia, e nos conta que, coas súas compañeiras, pretende pedir máis crédito cando remate de pagar para ampliar o negocio, poñer unha tenda, estudar informática... “Eu por querer, quero facer tantas cousas... ¡Pero non me chega o día!”

Seguímonos movendo polo suburbio, seguidos por unha restra de nenos, coma o frautista de Hammelin, e imos coñecendo máis persoas que están a cambiar a vida mediante créditos que lles concede PDI (créditos a un 1%), que lles permiten mercar a materia prima ou as ferramentas que significarán a diferenza entre o traballo escravo e a independencia económica e laboral: un taller de sandalias, un negocio de venda de especias, un posto de venda de iddlis (unha especie de boliñas de pasta típicas para o almorzo).

Os últimos minutos son para dúas das voluntarias sanitarias do suburbio: mulleres que dedican o seu tempo libre a levar ao médico as súas veciñas e veciños, a organizar os campos sanitarios, a participar nas campañas de sensibilización... Mulleres que, ademais, participan nos grupos de aforro, traballan fóra da casa e levan a familia, mulleres que son o presente e o futuro.

Cae a noite cando nos baixamos do microbus en Paduvai Nagar, na nosa segunda visita, esta vez para asistir a unha das representacións de teatro na rúa que realizan o persoal e o voluntariado do proxecto da SIDA para sensibilizar divertindo: teatro, cancións e mesmo baile.

Hoxe, ao noso pesar, o público resúltalles un pouco difícil: constituído case na súa totalidade por nenas e nenos, son moitos os que atopan máis interesante a nosa presenza, as nosas cámaras, os sorrisos e mesmo os bailes de algúns dos participantes que a representación que teñen diante do nariz. Nós, sen embargo, apreciámola moito e aplaudimos malia que non entendemos unha palabra.


[Andrea, sentada no medio do público infantil subversivo. Podedes ver que algunhas cariñas están viradas cara a nós, e iso que saquei a foto achantada...]

Rematada a función, perseguidos novamente polo efecto Hammelin, marchamos para casa xa máis tarde do habitual. Non faltou quen botase unha soneca polo camiño.

Blanca

No