Temos a porta aberta

No Departamento de Orientación do IES Pintor Colmeiro estamos de estrea. Mellor dito, de estrea e en fase de probas. Agora che contamos.
Levamos un tempo valorando as posibilidades que nos ofrecen as tecnoloxías da información (TIC) para poñer en marcha un instrumento que nos axude a axilizar a comunicación. Despois de considerar moitas opcións chegamos á conclusión de que o formato blog pode sernos de gran axuda para acadar este propósito. Por iso abrimos esta porta.
Será este un espazo para a información. Nin máis nin menos. Breve, concisa, clara. Estaremos atentos a aqueles acontecementos que consideramos deben ser recollidos en titulares e procuraremos aportar ligazóns que che permitan explorar pola túa conta.
Vaiamos, sen máis preámbulos, cun asunto de actualidade no noso centro. Estes días estamos a preparar unha conmemoración moi especial e nada festiva: o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Será o 25 de novembro, data na que se lembra o asasinato das irmás Mirabel e o suplicio polo que pasan e levan pasado tantas e tantas mulleres nun arrepiante goteo de dor e morte que, entre todos e todas, temos que frear xa.
Propoñémosche que visites estas páxinas se queres ter máis información:
- Amnistía Internacional
- Xornal.com
- Servizo Galego de Igualdade
Isto é todo polo de agora. Esperamos que nos visites con frecuencia. Xa sabes: temos a porta aberta.





