Estamos xa a mércores e aínda acarrexo cansanzo do temporal de farra deste fin de semana (hai que aproveita-lo que queda de vacacións que cada minuto conta). Cecais non sexa por sono senón por todo o contrario, xa que dende o domingo durmo unhas once horas diarias. A cuestión é que o que ía comezar coma un fin de semana de verán calquera pasou a temporal e finalmente a jalerna de farra.
O xoves fumos eu e máis Qkl a Coruña a ve-lo concerto de Rosendo, alí xuntámonos con Georgy e o que ía ser unha noite tranquiliña rematou comigo indo relativamente peneque prá casa. Erguinme o venres cedo, non sei por que non fun capaz de durmir case nada e decidín, así sobre a marcha, acepta-la invitación do Ivansinho pra iren saír pola Serra de Outes o finde. Así aproveitaba, saía o venres por Outes e o sábado por Boiro pra visita-los meus curmáns e mataba dous paxaros dun tiro.
Chego a Compostela e me recolle o Jopa, tiramos pra Outes e preparámonos prá noite. Uns cubatiñas por eiquí, outros tantos por alá e cando me dou de conta son case as seis da mañá e eu cun peido que non me lambo. Frase da noite:
- Ivansinho déixame as chaves do coche que vou durmir.
Outra noite sen durmir un carallo, acosteime alí polas seis e media e as nove tiña os ollos coma un moucho. Catro horas tirado na cama e decidome a erguerme. Churrasco pró corpo que é menciña sobre a resaca, unha sesión de praia e tour por Outes e arredores (a verdade é que é un sitio bonito de carallo).
Chega a noite e estamos en Boiro (xa nin de pé me tiña do sono), e eu con menos ganas de beber que unha sardiña. Bótolle un cubatiña ó corpo en plan relax que non teño eu fígado pra andar chumando coma un borrejo. Chega o Roi e imos visita-lo pub da miña curmá... un chupito, co mal que me sentan. Volvo canda Ivansinho e as mozas e outro chupito pró corpo (estaba comezando a me sentir mal de verdade). Comezo a red-bulls pra dar aberto os ollos, e decidimos marchar prá casa. Menos mal, pensaba que era o único a morrer. Paso polo garito da miña curmá pra tomarlle a última, un cubatiña, parece que hai presa así que entra sen saborea-lo, ¡que mala idea!
De novo a durmir e outra vez esperto catro ou cinco horas despois: isto xa comeza a pintar mal. Érgome e baixamos ós viños coa familia do Jopa (moi boa xente sí señor), tómolle-lo primeiro e despois a auguiñas que non dou feito. Como o que poido e de volta pra Ferrol vía Coruña. A verdade é que a tarde do domingo toda fica nunha néboa espesa.
Hoxe á mañá chámanme: mira rapaz, seica non es tan malo coma semellabas, comezas a traballa-lo luns. O broche perfecto pra unha boa semana, farra até romper e despois ofertas de emprego: vai resultar que a vida non me trata tan mal despois de todo.
Sempre pensei que a xente das rías de Noia e Arousa eran os que mellor sabían pasa-lo, pero agora sí que me quedou confirmado. Reitérome en darlle as grazas á toda a xente da Serra e especialmente á familia do Jopa pola súa hospitalidade, así da gusto.
Até eiquí o capítulo de hoxe, boastardes.
http://usuarios.lycos.es/txapiweb
Venga tio, enhorabuena por el curro!





