Cavilando sobre o tema do insomnio do artigo anterior dinme de conta que pasei por alto un método que emprego de xeito relativamente habitual pra caer nos brazos de Morfeo. Hai quen conta ovellas, números (isto tamén o teño feito) ou repasa todo o que fixo no día e o que ten que facer ó día seguinte. Eu, cando non dou afastado os nervos e non dou quitado outras cousas da cabeza, repaso lembranzas de cando pequeno (e non tan pequeno). É por esa razón que decidín de vos citar algunhas das mellores, non por interesantes, senón polo que pra min significan.
Lémbrome de iren andando prá escola co meu irmán, sempre pola Rúa do Sol na que tamén vivo, típica calzada de cemento con beirarrúas de granito tan habitual no centro de Ferrol, e xogar a que non se podían pisa-las pedras que ocupaban todo o ancho da beirarrúa. Aínda hai veces que o fago cando estou a camiñar pola rúa, deixando a máis dun peón descomposto (igual pensan que son un colgado coma o Jack Nicholson en Mejor Imposible).
Outra semellante, tanto polos participantes coma polo escenario, era cando o meu irmán Lucas inventaba historias e mas contaba de camiño á escola. Lembro de xeito singular unha dun náufrago espacial que ficaba perdido nun mundo hostil coa sola axuda dunha motocicleta (os argumentos non eran importantes tendo en conta ó doadamente impresionábel que eu era).
Lémbrome do cartel de "Se Vende" na xanela da casa de Viveiro, os últimos meses que alí vivimos e da tristura que me provocaba só miralo. Quen me ía dicir que tan ben me sentarían eses cambios e que boa vida rematou por me depara-la mudanza.
Unha das miñas máis prontas lembranzas, de cando non tiña idade pra ir á escola (eu non fun á gardeiría), era estar con Geni, a moza que me coidaba cando cativiño, coa tele prendida en Falcon Crest namentres ela limpaba a casa e miraba por min.
Lémbrome de coma, na escola de Viveiro con catro anos, fixeramos uns agasallos pró día da Nai (eran algo así coma unhas mariposas feitas con papel celofán) e coma, téndoas todas amoreadas nunha mesa da clase, nos mandaron recolle-las ó final do día e eu, por erro, collín a da miña compañeira Clara por seren idénticas, e de coma tiven que volver co agasallo o luns pra intercambialo.
Vivindo xa en Narón, teño unha doce lembranza da emisión en estreno do primeiro capítulo de "As bolas máxicas" e coma, dende entón, son un incondicional de Songoku, coma unha ducia de xeracións de moz@s galeg@s.
Hai centos, senón miles de lembranzas que me axudan a durmir, ou polo menos me aledan a noite, cando me poño a elo e isto só é unha pequena mostra. Seguro que vós tamén tedes lotes delas pra repasar, recoméndovos que o fagades coma exercício cando non poidades durmir. Eu vounas relembrando a ritmo de unhas cantas por ano e por orde, até chegar ó intre actual, xeralmente fico frito moito antes de chegar ós dezaoito anos.
Até eiquí o capítulo de hoxe, osdías.





