logotipo

img_google
Pareceser
Sindicación
 
Internet.


A comunicación cambiou, e o cambio tamén chegou á casa dos meus pais. Como hai neste momento algún membro da familia no estranxeiro, xa se afixeron a usar internet para comunicarse. E como non se sabe nunca cando chegará a mensaxe, pois os pais neste caso, decidiron durmir a sesta na habitación do ordenador, (como moi ben di Obdulia, non se pode perder tempo), e así se matan dous paxaros dun tiro, durmir a sesta e estar informados en todo momento.
 
Aviso por temporal.
Estannos dicindo que vén un temporal a Galicia que chegará esta madrugada e será o punto álgido mañá pola mañá. A primeira ollada custa crelo, pois hoxe está un día moi bo, e parece mentira que cambien tanto as cousas en cuestión de horas. Xa veremos se acertan os do tempo, pero en principio dixeron as noticias que mañá xoves non terán clase en ningún colexio da comunidade. Tempo ao tempo. Mañá sairemos de dúbidas e esperemos que non traia desgrazas.
 
A Saleta.
Son as festas da Saleta, as máis bonitas de todas, e con elas moitos recordos, empezaban sempre as clases un día antes, pero coma se non empezasen, esa festa non se perdía por nada do mundo. Iamos andando e para a volta sempre había algún veciño que nos trouxese. A tradición é ir cear a primeira noite e ir comer ao día seguinte. Algúns anos, coincidían coas festas de Lalín pero iso non nos facía dubidar, a mellor a de Siador.
 
Refrán
"Se queres comer esta ano, planta semillas, se queres comer varios anos, planta árbores e se queres comer toda a vida, educa ao pobo".
 
11- S
Acabo de ler nun blog, polo que paso de cando en vez, a pregunta de "que facías cando o da caída das torres xemelas do 11 S? "
Eu acórdome perfectamente, acabábamos de chegar ao restaurante para comer e estaban ensinando as imaxes do impacto do primeiro avión na primeira torre, a xente estaba pegada o televisor, sen saber aínda se era de verdade ou de mentira, eu preguntei á camareira e dixo que acababan de botar esas imaxes que crían que era dun anuncio ou algo así cando en vivo e en directo vemos estupefactos como vén o segundo avión e estrélase contra a segunda torre. Nese mesmo momento démonos conta de que era verdade, que non era ningún anuncio, nin película nin nada. Ao principio non se sabía realmente o alcance dos sinistros e confiabamos en que as torres resistirían, (pensabamos, imposible, non pode ser, como se van a caer co grandes que son). Pero como di o refrán, canto máis alto subas, máis forte será a caída, e así foi!
Á tarde acórdome que fun co meu irmán Martín ao dentista, co que odio eu os dentistas, pois nada, cos nervios, nin sequera pasei medo, (é o que ten de bo, cando o pasas mal por algo, e cóntanche outra cousa peor, parece que o teu non é nada, acábaslle quitando importancia, e dáste conta que hai outros que o están pasando moito peor ca ti).
Martín acababa de chegar eses días de Budapest, pois estaba ese curso académico alí cunha beca, e eu alegreime que estivese na casa, e que non o pillase nos aeroportos, pero tamén me acordo que ao volver tiña un voo con trasbordo en Madrid, e as maletas as facturou en Santiago, cal sería a súa sorpresa cando o estaban esperando en Madrid, coa súa maleta e fixéronlle a pregunta: "Que leva aquí?", sinalando no escáner un obxecto alargado ao que el respondeu: "un chorizo". Dixéronlle que abrise a maleta e alí estaba a barra de chourizo que a súa nai lle empaquetara para que non pasase fame polo menos por unha tempada. Dicir que tamén levaba a almohada, pois parece ser que en Budapest non tiñan.
 
Quinto mesario.
Como pasa o tempo, xa fai cinco meses que teño o blog, no verán non escribín todo o que desexaría, pero é o que hai! Nas vacacións como nalgúns sectores, foi de servizos mínimos.
 
Sixpac.
Fai uns días que a miña nai interesouse por ver unhas leiras no "Sixpac", entón eu díxenlle como se tiña que facer para utilizalo, que é dar ao signo + para aumentar a imaxe no mapa e ao signo - para diminuíla, e tamén utilizar a man para poder desprazarse cara adiante e cara atrás. Para dicir a verdade, só lle expliquei como ir cara adiante, o de atrás non. O caso é que cando estabamos explorando, chamáronme e tiven que saír un intre, e deixeina a ela soa ante o perigo, dicíndolle: "segue ti que eu volvo agora". Aos cinco minutos aproximadamente volvín, e a miña nai xa non estaba, busqueina e díxenlle: Que pasou, non che gustaba? Ao que ela respondeume: Si, pero é que me pasei de longo e non sei dar volta atrás!